CITIC

A catedrática da UDC Patricia Faraldo recibe o Premio Francisco Tomás y Valiente 2026

24/09/2026 - CITIC

A catedrática de Dereito Penal da Universidade da Coruña, Patricia Faraldo Cabana, acaba de ser galardoada co Premio Francisco Tomás y Valiente de ensaio sobre Constitución e Xustiza Constitucional 2026 pola súa monografía La privación del derecho de sufragio pasivo por condena penal. 

O premio, convocado conxuntamente polo Tribunal Constitucional e o Centro de Estudios Políticos y Constitucionales (CEPC), recoñece anualmente unha obra científica, orixinal e inédita sobre a Constitución Española ou a Xustiza Constitucional. A resolución de concesión sinala que o traballo obtivo a máxima puntuación en canto á súa estrutura e metodoloxía, destacando o seu carácter innovador e aportación orixinal en relación ao eido do premio.

Tal e como explica a autora, «a monografía premiada aborda a privación do dereito de sufraxio pasivo como consecuencia dunha condena penal, no marco da análise das relacións entre a condena penal e a privación dun dereito básico nunha democracia representativa como é o dereito a ser elixido para cargos públicos».

A orixinalidade da abordaxe reside nunha metodoloxía que ten en conta tanto as inelexibilidades electorais por condena a pena privativa de liberdade, como a pena privativa de dereitos consistente na privación do sufraxio pasivo, que se ten aplicado cada ano a decenas de miles de persoas. A obra tamén abrangue «o estudo de casos que teñen suscitada unha considerable polémica pública e enfrontamentos entre os órganos do Estado, como o do deputado Alberto Rodríguez».

Patricia Faraldo Cabana é catedrática de Universidade na área de Dereito Penal e está adscrita ao Departamento de Dereito Público da UDC. É, ademais, coordinadora do grupo de investigación Criminoloxía, Psicoloxía Xurídica e Xustiza Penal no século XXI (ECRIM) da Universidade da Coruña, no que se desenvolven liñas de investigación relacionadas, entre outros ámbitos, coas penas privativas de dereitos, a xustiza penal e os desafíos contemporáneos do sistema penal. 

O Premio Francisco Tomás y Valiente, instituído en 1996, ten como finalidade estimular os estudos académicos sobre a Constitución e a Xustiza Constitucional e honrar a memoria do historiador e xurista Francisco Tomás y Valiente, que foi maxistrado e presidente do Tribunal Constitucional. 

O galardón correspondente á edición de 2026 está dotado con 12.000 euros.