A Coruña avanza na identificación de casos de uso de intelixencia artificial para mellorar os seus servizos públicos
Que problemas da cidade poden resolverse ou xestionarse mellor mediante datos e intelixencia artificial? Esta é a cuestión central do proxecto europeo ALLOCATE (Accelerating Local Leadership by Open Computing and AI for Technological Empowerment), unha iniciativa coordinada polo Concello da Coruña na que participan o CITIC da Universidade da Coruña, o Cluster TIC de Galicia, Altia Group e Khora UrbanThinkers.
O proxecto, dotado cun orzamento de 5,5 millóns de euros e cunha duración de 42 meses —entre outubro de 2025 e marzo de 2029—, busca impulsar solucións innovadoras baseadas na intelixencia artificial e na sustentabilidade para mellorar os servizos públicos, reducir a pegada ambiental e favorecer un desenvolvemento urbano inclusivo.
Nos últimos meses traballouse nos tres ámbitos definidos polo proxecto: mobilidade, residuos e servizos cidadáns. O obxectivo inicial é coñecer a situación actual de cada servizo antes de formular como podería mellorarse mediante solucións baseadas na intelixencia artificial.
No eido dos servizos cidadáns, o equipo analizou o funcionamento de canles como o 010, a liña municipal de atención telefónica, e o sistema IRIS, utilizado para xestionar solicitudes e incidencias, ademais doutros procesos que afectan a diferentes áreas municipais. A partir da análise documental e de reunións con persoal municipal, elaborouse un primeiro mapa de problemas operativos. Este diagnóstico examinouse desde tres perspectivas: a do Concello, a da cidadanía e a do persoal técnico encargado de xestionar e resolver as solicitudes.
A perspectiva cidadá incorporouse a través da información dispoñible nos propios servizos, como solicitudes, incidencias e reclamacións, e do coñecemento acumulado polos equipos municipais.
O obxectivo desta primeira fase era comprobar que os problemas identificados sobre o papel coincidían coas dificultades que se producen no funcionamento cotiá dos servizos.
Dos problemas aos desafíos
Unha vez revisado o diagnóstico, as persoas participantes reformularon os problemas identificados mediante preguntas do tipo «Como poderiamos…?». A intención era definir que cambio se quería conseguir sen condicionar de antemán a resposta tecnolóxica.
Así, en lugar de formular directamente a creación dun chatbot, abordouse como utilizar a información xerada a través do 010 e de IRIS para anticipar necesidades recorrentes e ofrecer respostas máis oportunas e consistentes. Esta reformulación permitiu converter os problemas detectados en posibles liñas de innovación e, ao mesmo tempo, evitar que a elección dunha ferramenta concreta condicionase demasiado cedo o proceso.
Priorizar que retos poden converterse en casos de uso
O seguinte paso consistiu en priorizar os desafíos identificados. Para iso, tivéronse en conta diferentes criterios, como o impacto esperado na cidadanía, a viabilidade, a dispoñibilidade de datos, a urxencia operativa, a aplicabilidade da intelixencia artificial e a sustentabilidade a longo prazo.
O obradoiro de servizos cidadáns identificou inicialmente nove desafíos. Posteriormente, durante a fase de consolidación, algúns deles agrupáronse polas súas similitudes ata definir catro áreas estratéxicas máis amplas.
Os candidatos foron entón analizados tendo en conta as súas vantaxes, limitacións e implicacións prácticas. Ademais da súa relevancia para ALLOCATE e para os servizos municipais, consideráronse aspectos como a dispoñibilidade real de datos, o potencial da IA, a capacidade de mantemento das solucións, a súa sustentabilidade e a súa posible transferencia a outras cidades. O proxecto incorpora, ademais, criterios específicos relacionados coa eficiencia e a sustentabilidade dos sistemas de intelixencia artificial.
A validación continúa despois dos obradoiros
Os retos preseleccionados pasan agora por unha nova fase de análise para comprobar se poden converterse realmente en casos de uso viables. Para iso, estúdanse os conxuntos de datos aos que se podería acceder de maneira realista, os procesos municipais nos que tería que integrarse unha futura solución e os resultados que esperan obter os departamentos implicados.
Esta análise explica tamén por que a selección de casos de uso require tempo. Un problema pode ser relevante para a cidadanía, pero non dispoñer aínda de datos suficientes. Outro pode ser tecnicamente viable, pero requirir cambios importantes na organización. Noutros casos, a intelixencia artificial pode ser unha opción tecnicamente posible, pero achegar pouco valor fronte a unha solución máis sinxela.
Os obradoiros de mobilidade e xestión de residuos seguen unha lóxica similar, aínda que adaptada ás características e necesidades específicas de cada servizo.
O obxectivo final é seleccionar tres casos de uso urbanos reais: un relacionado coa mobilidade sostible en bicicleta, outro coa optimización do servizo de residuos urbanos e un terceiro coa mellora da xestión de incidencias municipais.
Transferencia a outras cidades
A participación da Universidade da Coruña (UDC), a través do CITIC e do grupo LIDIA, céntrase na identificación de casos de uso e datos, no deseño dunha metodoloxía para medir o consumo enerxético e na formación en intelixencia artificial verde para pemes. Tamén colaborará no seguimento e na avaliación dos resultados, aplicando enfoques como Green-in e Green-by.
ALLOCATE contempla, ademais, a creación dunha infraestrutura tecnolóxica na Cidade das TIC e o establecemento dunha Comunidade de Computación Local formada inicialmente por unhas 40 empresas. Dez pemes e start-ups participarán na experimentación de tres casos de uso urbanos, conectando as necesidades do Concello coas capacidades do tecido tecnolóxico local.
O proxecto busca que as solucións desenvolvidas na Coruña poidan transferirse a outras cidades europeas, como Reggio Emilia, Heidelberg e Viana do Castelo.
Para seleccionar os casos de uso, séguese un proceso de cinco etapas: diagnosticar o servizo actual, validar o diagnóstico, converter os problemas en desafíos, priorizalos e comprobar a súa integración nos recursos e procesos existentes.