CITIC

A directora da Axencia Galega de Investigación visita o novo laboratorio de tecnoloxías cuánticas do CITIC da UDC

03/07/2026 - CITIC
  • A nova infraestrutura permitirá impulsar a investigación experimental e o desenvolvemento de aplicacións en computación e tecnoloxías cuánticas.
  • O laboratorio complementa as capacidades existentes nas universidades galegas e contribúe á consolidación do ecosistema cuántico impulsado desde Galicia.
  • O CITIC mantén unha traxectoria pioneira neste ámbito grazas á súa participación en proxectos europeos como NEASQC e QEX.

A directora da Axencia Galega de Investigación, Carmen Cotelo, visitou recentemente o novo laboratorio de tecnoloxías cuánticas do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña, unha infraestrutura destinada a fortalecer a investigación experimental, o desenvolvemento de novas aplicacións e a transferencia de coñecemento nun dos ámbitos científicos con maior proxección.

Durante a visita estivo acompañada polo vicerreitor de Investigación e Transferencia da UDC, Jerónimo Puertas, e polo director do CITIC, Manuel G. Penedo. A directora coñeceu de primeira man as capacidades do novo laboratorio, que conta co apoio do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, a través da Axencia Estatal de Investigación, e co financiamento de fondos europeos.

A posta en marcha desta infraestrutura supón un novo paso na consolidación das capacidades da Universidade da Coruña en tecnoloxías cuánticas e reforza a posición do CITIC como un dos principais axentes de investigación neste ámbito en Galicia. O laboratorio permitirá desenvolver investigación experimental, validar novas solucións e avanzar na transferencia destas tecnoloxías cara ao tecido produtivo.

Durante o percorrido, Carmen Cotelo destacou que esta nova dotación contribúe a fortalecer o ecosistema galego de tecnoloxías cuánticas, sumándose ás capacidades do Cesga e aos laboratorios especializados que se están a desenvolver nas universidades galegas. Neste sentido, subliñou o valor da colaboración entre administración, universidades, centros de investigación e empresas para impulsar un ámbito chamado a transformar sectores estratéxicos.

O CITIC foi pioneiro na investigación en computación cuántica en Galicia grazas á súa participación, xunto co Cesga, no proxecto europeo NEASQC (Next Applications of Quantum Computing), dirixido no centro polo investigador Vicente Moret, primeiro gran proxecto europeo nesta materia desenvolvido na comunidade, así como no actual QEX, Centro Europeo de Excelencia Cuántica, dirixido no CITIC por Diego Andrade. Ademais, o centro forma parte desde a súa creación da Rede Galega de Tecnoloxías Cuánticas, integrada no Polo de Tecnoloxías Cuánticas de Galicia.

No marco da visita, a directora da Axencia reuniuse tamén con persoal investigador do centro, entre eles Eduardo Mosqueira Rey, subdirector do CITIC e coordinador na UDC do Máster en Ciencia e Tecnoloxías da Información Cuántica, e Diego Andrade Canosa, investigador do grupo de Arquitectura de Computadores e representante da Universidade da Coruña na Rede Galega de Tecnoloxías Cuánticas.

Durante o encontro abordáronse os retos asociados á formación, consolidación e captación de talento especializado, un aspecto clave para garantir o desenvolvemento destas tecnoloxías e favorecer a súa aplicación en ámbitos como a saúde, a industria, a optimización de procesos ou a seguridade das comunicacións.