CITIC

A directora do Instituto de Microelectrónica de Sevilla falará no CITIC da UDC sobre enxeñaría neuromórfica e IA sostible inspirada no cerebro

25/02/2026 - CITIC
  • Teresa Serrano-Gotarredona, investigadora del CSIC, impartirá o próximo luns, 2 de marzo, unha conferencia no CITIC dentro do ciclo “Converxencia Verde: IA para un futuro sustentable” impulsado pola Cátedra Inditex-UDC en Algoritmos Verdes

A Coruña, 25 de febreiro de 2026

Teresa Serrano-Gotarredona, profesora de investigación do CSIC no Instituto de Microelectrónica de Sevilla e directora do centro desde 2023, impartirá o vindeiro luns, 2 de marzo, unha conferencia sobre “Enxeñaría Neuromórfica: IA sostible imitando o noso cerebro”. A charla terá lugar ás 12:00 horas na Sala Cloud do CITIC, no Campus de Elviña da Universidade da Coruña dentro do ciclo de conferencias “Converxencia verde: IA para un futuro sustentable”, impulsado pola cátedra Inditex-UDC en Algoritmos Verdes. O acceso é libre ata completar aforo rexistrándose a través desta ligazón.

A enxeñaría neuromórfica céntrase en emular os principios computacionais e as arquitecturas dos cerebros biolóxicos para deseñar sensores e procesadores capaces de realizar tarefas cognitivas, como o procesamento visual ou auditivo, mellorando a eficiencia fronte ás implementacións convencionais. Durante a conferencia, Serrano-Gotarredona explicará as diferenzas entre os sistemas neuronais biolóxicos e os sistemas de cómputo artificiais, tanto a nivel arquitectural como na codificación e procesado da información. Un dos temas principais será mostrar como os nosos sensores poden captar o que vemos e transformalo en sinais eléctricas que o cerebro ou un ordenador pode entender. Explicaranse tamén como estes sinais viaxan e se procesan dun xeito máis flexible e eficiente, sen necesidade de facelo todo ao mesmo tempo. Ademais, mostrará exemplos reais de sensores e computadores inspirados no cerebro, creados polo Instituto de Microelectrónica de Sevilla, que permiten que as máquinas capten e procesen información visual de forma máis intelixente.

Experta internacional

Licenciada e doutora en Física pola Universidade de Sevilla, Teresa Serrano-Gotarredona completou os seus estudos de máster na Johns Hopkins University grazas a unha bolsa Fulbright. A súa investigación céntrase no deseño de circuítos integrados analóxicos, sensores e procesadores neuromórficos para visión en tempo real e computación eficiente empregando dispositivos a escala nanométrica. Ao longo da súa carreira, recibiu recoñecementos internacionais como o IEEE VLSI Systems Best Paper Award e o IEEE Circuits and Systems Darlington Award, ademais de desempeñar cargos destacados en comités e publicacións do IEEE.

Sobre a Cátedra

A Cátedra Inditex-UDC de IA en Algoritmos Verdes, creada en 2023 pola Universidade da Coruña e Inditex, ten como misión impulsar a investigación, a formación e a transferencia de coñecemento en intelixencia artificial aplicada á sustentabilidade. Entre os seus obxectivos salientan o desenvolvemento de programas formativos, a promoción da innovación e da cooperación público-privada, a valorización dos resultados da investigación e a difusión científica. Conta con financiamento público competitivo do Ministerio de Transformación Dixital e da Función Pública, a través das Axudas Cátedras ENIA, con fondos europeos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España, e tamén privado do Grupo Inditex. A cátedra susténtase na sólida traxectoria da UDC en IA, consolidada desde finais dos anos 80 e fortalecida coa creación do CITIC, e no compromiso de Inditex coa innovación e a sustentabilidade, destacando os seus obxectivos ambientais cara ás emisións netas cero en 2040.

Sobre o CITIC

O CITIC é un centro de investigación que impulsa o avance e a excelencia en I+D+i aplicada ás TIC, creado en 2008 pola Universidade da Coruña. A actividade científica do centro estrutúrase en catro áreas de investigación principais: Intelixencia Artificial; Ciencia e Enxeñaría de Datos; Computación de Altas Prestacións; e Servizos e Redes Intelixentes, así como nunha área de investigación transversal a todas elas: a de Ciberseguridade.

O CITIC está acreditado como Centro de Excelencia e membro da Rede CIGUS para o período 2024-2027, o que avala a calidade e o impacto da súa investigación. A acreditación, estruturación e mellora do CITIC está cofinanciada pola Xunta de Galicia e nun 60% pola Unión Europea no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2021-2027, co obxectivo temático de promover “unha Europa máis intelixente: transformación económica innovadora e intelixente” (ED431G 2023/01).