CITIC
20220209-Seminario_

A FIC acolle un seminario sobre modelos de simulación para o apoio da toma de decisións sobre a xestión de camas en UCI

04/02/2022 – CITIC

O próximo 9 de febreiro ás 17:00 h celebrarase na aula de Graos Víctor Gulías da Facultade de Informática da UDC o seminario “Modelos de simulación para o apoio da toma de decisións sobre a xestión de camas en UCI”, impartido polo investigador da Universidade Pública de Navarra, Daniel García de Vicuña, e organizado por persoal investigador do CITIC.

Neste seminario vanse expoñer modelos de simulación que permitiron analizar e mellorar as decisións de ingreso e alta de pacientes nas Unidades de Coidados Intensivos. Estas decisións son especialmente relevantes en situacións de escaseza de camas, como a vivida nos dous últimos anos coa pandemia da COVID-19.

Por unha banda, preséntase un simulador interactivo da UCI que non só permite a análise das decisións do persoal médico sobre o ingreso e alta de pacientes, senón que tamén é unha ferramenta útil de aprendizaxe e adestramento sobre a xestión destas unidades. Este modelo consegue representar o funcionamento real dunha UCI e recrear a evolución clínica real dos pacientes ingresados.

Doutra banda, preséntase unha ferramenta de apoio á toma de decisións para a planificación a curto prazo das necesidades de recursos hospitalarios, especialmente camas de UCI, para facer fronte a brotes, como a pandemia de COVID-19. Esta ferramenta foi utilizada diariamente, a partir de setembro de 2020, polos principais hospitais de Navarra e A Rioxa.

O acceso ao seminario é libre ata completar o aforo (50 persoas) e poderá seguirse online a través de Teams.