CITIC

A Fundación CITIC forma á avogacía da Coruña en IA para xerar documentos e axilizar tarefas xurídicas

26/02/2026 - CITIC
  • O curso sobre “Uso da Intelixencia artificial xenerativa para avogados”, impartido esta semana, enmárcase dentro do convenio entre a Fundación CITIC de Galicia e o ICACOR

A Coruña, 26 de febreiro de 2026

O Ilustre Colexio Provincial de Avogados da Coruña e a Fundación CITIC levaron a cabo esta semana o curso “Uso de IA xenerativa para avogados” co obxectivo de achegar aos profesionais do Dereito as ferramentas máis avanzadas de intelixencia artificial aplicada á práctica xurídica.

O curso foi impartido polo investigador do CITIC da UDC, centro que forma parte da Rede CIGUS da Xunta de Galicia, Carlos J. Escudero Cascón e enmárcase no convenio de colaboración asinado entre ambas as institucións para fortalecer os lazos entre os sectores xurídico e tecnolóxico, promovendo a investigación, o desenvolvemento e a innovación no ámbito das tecnoloxías da información e as comunicacións.

A intelixencia artificial xenerativa, capaz de crear textos, documentos ou contidos de maneira automatizada, está a transformar a forma en que os avogados xestionan a información e redactan documentos, facilitando a análise de grandes volumes de datos e optimizando tarefas rutineiras. Este curso permitiu ós e ás asistentes coñecer estas ferramentas, aprender a utilizalas de forma responsable e eficiente, comprender os seus riscos e aspectos éticos e explorar como mellorar a produtividade sen comprometer o criterio profesional.

Durante as dúas xornadas de formación abordáronse os fundamentos da IA xenerativa, as ferramentas dispoñibles, aplicacións iniciais no ámbito xurídico, técnicas de prompting avanzado, casos prácticos, consideracións legais, éticas e de ciberseguridade, e concluíuse cun resumo dos principais ensinos e retos que expón esta tecnoloxía no exercicio do Dereito.

Con esta iniciativa, o ICACOR e a Fundación CITIC reforzan o seu compromiso coa transformación dixital e a innovación tecnolóxica en Galicia, ofrecendo aos avogados e avogadas as competencias necesarias para afrontar os desafíos do presente e do futuro nun sector en constante evolución.

Sobre o CITIC

O CITIC é un centro de investigación que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicada ás TIC, creado en 2008 pola Universidade da Coruña. A actividade científica do centro estrutúrase en catro áreas de investigación principais: Intelixencia artificial; Ciencia e Enxeñería de Datos; Computación de Altas Prestacións; e Servizos e Redes Intelixentes, e unha área de investigación transversal a todas elas: a de Ciberseguridade. 

O CITIC está acreditado como Centro de Excelencia e membro da Rede CIGUS para o período 2024-2027, o que avala a calidade e impacto da súa investigación. A acreditación, estruturación e mellora do CITIC está cofinanciada pola Xunta de Galicia e nun 60% pola Unión Europea no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2021-2027, co obxectivo temático de promover “unha Europa máis intelixente: transformación económica innovadora e intelixente” (ED431G 2023/01).