A IA, clave para impulsar o emprego verde e protexer o monte galego
- A investigadora do CITIC Elena Hernández participou nun ciclo organizado por Zeres Abogados no Círculo de Empresarios de Galicia.
- Destacou e o papel da intelixencia artificial como ferramenta para mellorar a prevención, xestión de incendios e conservación dos bosques galegos, no marco do proxecto ATEMPO.
Elena Hernández Pereira, investigadora do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da UDC, participou o pasado 27 de marzo na conferencia “Emprego verde no monte galego”, organizada polo bufete Zeres Abogados no Círculo de Empresarios de Galicia, en Vigo.
O encontro reuniu a persoal experto do ámbito forestal, tecnolóxico e operativo para analizar os retos e oportunidades do sector no contexto da transición ecolóxica. Durante a xornada, Elena Hernández interveu como representante do CITIC, achegando a visión da intelixencia artificial aplicada á sustentabilidade e a xestión forestal.
No seu relatorio, a investigadora incidiu no potencial da IA como ferramenta clave para impulsar o emprego verde, mellorar a protección dos bosques e reforzar a loita contra o cambio climático. Así mesmo, destacou o seu papel na prevención e xestión de incendios forestais, un dos principais desafíos do territorio galego.
Elena Hernández presentou o proxecto ATEMPO, do que é investigadora principal, centrado en mellorar a eficacia na resposta ante emerxencias en áreas transfronteirizas entre Galicia, Castela e León e o norte de Portugal. Este proxecto aposta polo uso de tecnoloxías avanzadas, como a intelixencia artificial, para optimizar a coordinación e a toma de decisións en situacións críticas.
A xornada contou tamén coa participación de Juan Picos, profesor da Universidade de Vigo, quen abordou o papel estratéxico do sector forestal en Galicia, e de Javier Silleda, bombeiro forestal, que achegou a perspectiva operativa sobre a prevención e extinción de incendios.