CITIC

A IA como ferramenta estratéxica para mellorar a produción e a loxística empresarial

04/03/2026 - CITIC
  • O CITIC da Universidade da Coruña acolle o curso para a obtención da microcredencial “IA aplicada ao control e mellora de procesos de produción e loxística”, unha formación práctica dirixida a profesionais que desexen incorporar a intelixencia artificial á xestión operativa das súas organizacións.

  • As persoas interesadas poden facer a preinscrición ata o 15 de marzo: ligazón.

A Coruña, 04 de marzo de 2026.- A Universidade da Coruña ten aberto o prazo de preinscrición da microcredencial “IA aplicada ao control e mellora de procesos de produción e loxística”, unha formación práctica dirixida a profesionais que desexen incorporar a intelixencia artificial á xestión operativa das súas organizacións.

O programa desenvolverase do 8 ao 30 de abril de 2026, en horario de tarde, combinando sesións teóricas online síncronas con prácticas presenciais na sede do CITIC, no Campus de Elviña (A Coruña); e será impartido por persoal docente da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF).

A microcredencial ofrece unha visión aplicada da IA no ámbito produtivo e loxístico, abordando cuestións clave como a previsión da demanda, a optimización de inventarios, a simulación de procesos, a automatización de tarefas de xestión e a análise de datos para a toma de decisións.

Con metodoloxía eminentemente práctica, o alumnado traballará con ferramentas accesibles como Excel, solucións de simulación e optimización, ferramentas Microsoft e IA xenerativa, sen necesidade de coñecementos avanzados de programación.

Está especialmente dirixida a profesionais de industria e produción, incluíndo persoas responsables de operacións, planificación e mellora continua. Tamén se orienta a responsables de loxística e supply chain, así como a PEMES e organizacións interesadas en incorporar intelixencia artificial aplicada aos seus procesos.

A microcredencial, de 30 horas de duración, estrutúrase en catro semanas ou bloques formativos. O primeiro bloque, “Fundamentos de optimización en produción”, desenvolverase os días 8, 9 e 10 de abril. O segundo, “Inventarios, planificación e IA aplicada”, terá lugar os días 16 e 17 de abril. O terceiro bloque, “Loxística intelixente e análise operativa”, celebrarase os días 23 e 24 de abril. Finalmente, o cuarto bloque, “Automatización e control dixital”, impartirase os días 28, 29 e 30 de abril.

As sesións presenciais estarán centradas na resolución de problemas reais, no desenvolvemento de modelos e na construción de solucións aplicables directamente ao contorno profesional.

O curso está dirixido por Javier Pernas Álvarez e codirixido por Rosa Ríos Prado, xunto cun equipo docente formado por profesorado universitario e profesionais con ampla experiencia en optimización, simulación, loxística e IA aplicada á enxeñaría e á toma de decisións.

Prazos

O prazo de preinscrición estará aberto do 23 de febreiro ao 15 de marzo de 2025, e o de matrícula do 16 ao 29 de marzo de 2025.

A formación está dirixida a persoas de entre 25 e 64 anos e conta cun prezo subvencionado de 85 euros, grazas ao financiamento do Plan Microcréditos do Ministerio de Universidades no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e dos Fondos Europeos Next Generation EU. O custo sen subvención é de 280 euros.

Sobre o CITIC

O CITIC é un centro de investigación que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicada ás TIC, creado en 2008 pola Universidade da Coruña. A actividade científica do centro estrutúrase en catro áreas de investigación principais: Intelixencia artificial; Ciencia e Enxeñería de Datos; Computación de Altas Prestacións; e Servizos e Redes Intelixentes, e unha área de investigación transversal a todas elas: a de Ciberseguridade. 

O CITIC está acreditado como Centro de Excelencia e membro da Rede CIGUS para o período 2024-2027, o que avala a calidade e impacto da súa investigación. A acreditación, estruturación e mellora do CITIC está cofinanciada pola Xunta de Galicia e nun 60% pola Unión Europea no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2021-2027, co obxectivo temático de promover “unha Europa máis intelixente: transformación económica innovadora e intelixente” (ED431G 2023/01).