CITIC

A IA xerativa, as comunicacións 6G e a computación cuántica protagonizan o SIC'26 na Coruña

14/07/2026 - CITIC

A Universidade da Coruña acolleu a pasada semana a décimo terceira edición do Taller Español sobre Procesamento de Sinais, Teoría da Información e Comunicacións (SIC’26 Verán), un dos principais foros científicos estatais dedicados ás tecnoloxías da información, ás comunicacións e ao procesamento intelixente de datos.

Organizado polo investigador do CITIC e catedrático da Universidade da Coruña, Luis Castedo, xunto con Joaquín Míguez Arenas e Matilde Sánchez Fernández, da Universidade Carlos III de Madrid, o encontro reuniu ata o 10 de xullo persoal investigador, docente e profesional procedente de universidades e centros de investigación españois e internacionais para compartir os avances máis recentes nun ámbito clave para o desenvolvemento das comunicacións do futuro.

Durante catro xornadas, o Paraninfo da Reitoría da Universidade da Coruña acolleu un completo programa científico con conferencias plenarias, sesións técnicas, presentacións orais e unha sesión de pósteres na que mozos e mozas investigadoras presentaron os seus traballos, favorecendo o intercambio de coñecemento e a creación de novas colaboracións.

O taller abordou algunhas das liñas de investigación con maior impacto tecnolóxico na actualidade, entre elas o procesamento estatístico de sinais, a aprendizaxe automática, a intelixencia artificial aplicada ás comunicacións, a teoría da información, as redes sen fíos, os sistemas MIMO, o procesamento de imaxes e vídeo, a análise de datos ou as futuras redes de comunicación.

O programa científico reuniu destacados investigadores internacionais que ofreceron unha visión dalgúns dos principais retos que afrontan as tecnoloxías da información e das comunicacións. Wolfgang Utschick, da Universidade Técnica de Múnic, abriu o encontro cunha conferencia centrada na modelización xerativa baseada en principios físicos para a capa física das comunicacións sen fíos, unha aproximación que combina intelixencia artificial e coñecemento do comportamento electromagnético para mellorar o deseño das futuras redes de comunicación.

A xornada continuou coa intervención de José Rodríguez Piñeiro, da Universidade de Tongji, quen presentou novas estratexias para a modelización e o seguimento de canles de comunicación en vehículos aéreos non tripulados (UAV), con aplicacións tanto nas comunicacións como nos sistemas de sensorización integrados (ISAC) para as futuras redes 6G. Pola súa banda, Deniz Akyildiz, do Imperial College London, abordou o uso de métodos secuenciais de Monte Carlo para resolver problemas de optimización estocástica e mostraxe en modelos de difusión, ferramentas cun papel crecente no desenvolvemento de algoritmos de aprendizaxe automática e modelos xerativos.

O encontro tamén dedicou unha xornada a algúns dos avances máis recentes en intelixencia artificial e tecnoloxías cuánticas. Isabel Valera, da Universidade de Saarland (Alemaña), afondou nos modelos xerativos causais e na súa capacidade para realizar inferencia causal a partir de datos observacionais, unha liña de investigación con aplicacións en ámbitos como a saúde, o márketing ou o desenvolvemento de sistemas de intelixencia artificial máis transparentes e explicables. A continuación, Gabriel Senno, investigador do Institute of Photonic Sciences (ICFO) e de Quside Technologies, presentou os fundamentos teóricos da xeración cuántica de números aleatorios, unha tecnoloxía esencial para reforzar a seguridade dos sistemas criptográficos e das comunicacións do futuro.

O programa completouse co titorial impartido por Wolfgang Utschick, An Introduction to the Principles of Generative Modeling for Signal Processing, no que ofreceu unha introdución aos principais modelos xerativos empregados actualmente en intelixencia artificial —como as redes xerativas antagónicas (GAN), os autoencoders variacionais, os normalizing flows e os modelos de difusión— e mostrou como poden integrarse en técnicas avanzadas de procesamento de sinais e estimación estatística para aplicacións en comunicacións sen fíos.

O SIC’26 Verán contou ademais co respaldo da Rede Temática COMONSENS, unha iniciativa que reúne grupos de investigación españois especializados en comunicacións, procesamento de sinais, teoría da información e áreas afíns. A rede promove a cooperación científica entre universidades e centros de investigación, impulsa a organización de actividades formativas e facilita a transferencia de coñecemento cara ao tecido produtivo, contribuíndo a fortalecer o ecosistema investigador español en tecnoloxías da información e das comunicacións.