CITIC

A investigadora Aida Vidal gaña o premio Proxecto Fin de Mestrado do CPEIG

26/11/2020 – CITIC

A investigadora do CITIC Aida Vidal acaba de recibir o XI Premio Proxecto Fin de Carreira/ Mestrado en Enxeñaría en Informática, outorgado polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) polo seu traballo “Aplicación gamificada mediante realidade aumentada para incentivar a actividade física de pacientes pediátricos de longa estancia”. Este traballo estivo dirixido por Tiago Manuel Fernández Caramés e Paula Fraga Lamas, tamén investigadores do CITIC.

O proxecto galardoado desenvolve unha aplicación móbil que serve para motivar a pacientes pediátricos e potenciar a súa actividade física buscando á vez reducir o nivel de ansiedade provocado polo ingreso hospitalario. A través de xogos, está indicado para pacientes de entre 6 e 14 anos.

Aida Vidal destaca que “a aplicación podería proporcionar unha rutina personalizada a cada paciente segundo o que indique o persoal médico, xa que todas as actividades que se inclúen foron deseñadas para realizarse en interiores e espazos reducidos, polo que se adaptarían con facilidade ás situacións de confinamento vividas nestes meses”. A investigadora do CITIC sinala que a aplicación complementouse tamén cun sistema que permite a recolección e visualización dos datos de uso dos pacientes, proporcionando unha forma dinámica e indirecta de recoller datos sobre a súa mobilidade e estado de ánimo.

Este premio está enmarcado no evento da “XII Noite da Enxeñaría Informática de Galicia” que se celebrará o próximo 27 de novembro, no que se conceden premios en dez categorías onde as persoas colexiadas recoñecen as iniciativas ou persoas destacadas neste ámbito. Estes premios buscan ademais achegarse ao colectivo estudantil e defender as vantaxes da colexiación, polo que outorga aos finalistas e gañadora do certame un ano de colexiación gratuíta.