A investigadora do CITIC da UDC Amparo Alonso aborda os retos da intelixencia artificial no Corunna Innovate Summit 2026
Amparo Alonso Betanzos, investigadora do CITIC da UDC e catedrática da Universidade da Coruña, participará no Corunna Innovate Summit 2026, que se celebrará os días 15 e 16 de outubro no Centro de Servizos Avanzados da Cidade das TIC da Coruña.
A investigadora intervirá na charla-coloquio “Los retos de la Inteligencia Artificial: innovación, ética, sostenibilidad y regulación”, na que abordará algúns dos principais desafíos asociados ao desenvolvemento e á implantación da intelixencia artificial, desde a innovación e as súas oportunidades ata cuestións relacionadas coa ética, a sustentabilidade e a regulación.
O Corunna Innovate Summit reunirá profesionais, persoas emprendedoras e especialistas nacionais e internacionais para analizar o impacto da intelixencia artificial e doutras tecnoloxías emerxentes na transformación dos distintos sectores e no desenvolvemento de novos modelos de innovación.
Ao longo das dúas xornadas, o programa combinará relatorios, casos de uso, coloquios e espazos de encontro arredor dos últimos avances en intelixencia artificial, robótica, automatización e innovación dixital, así como das súas aplicacións en contextos profesionais e empresariais.
Entre as persoas participantes figuran tamén Rocío Vega Martínez, cofundadora de Zebra Brain; Cora Vinagre Sendino, Innovation Manager do International Quantum Center de Fsas Technologies, A Fujitsu Co.; Thomas Howe, cofundador de Performeo; e Chris Rhodes, CEO e cofundador de Guru AI, entre outros profesionais dos ámbitos tecnolóxico e empresarial.
A participación de Amparo Alonso neste encontro reforza a presenza do CITIC da UDC nos espazos de análise e debate sobre o desenvolvemento da intelixencia artificial e os retos que acompañan a súa incorporación á sociedade. A súa intervención permitirá abordar estes desafíos desde unha perspectiva que combina innovación tecnolóxica, responsabilidade, sustentabilidade e reflexión sobre os marcos que deben orientar a evolución destas ferramentas.
O Corunna Innovate Summit conta coa colaboración do Consorcio de Turismo da Coruña, o Centro de Servizos Avanzados (CSA), o Clúster TIC Galicia, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Quincemil e a Deputación da Coruña.
As persoas interesadas en asistir poden consultar o programa completo e acceder ao formulario de inscrición na web oficial do Corunna Innovate Summit.