CITIC

A investigadora do CITIC da Universidade da Coruña Amparo Alonso, Premio Nacional de Informática José García Santesmases

15/07/2026 - CITIC
  • A Sociedade Científica Informática de España (SCIE) e a Fundación BBVA recoñecen a súa traxectoria pioneira en intelixencia artificial, así como o seu labor investigador, docente e de impulso desta disciplina.

A Coruña, 15 de xullo de 2026.- A investigadora do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC), centro da Rede CIGUS, e catedrática da Universidade da Coruña, María Amparo Alonso Betanzos, foi distinguida co Premio Nacional de Informática José García Santesmases, un dos máximos recoñecementos da informática española, concedido pola Sociedade Científica Informática de España (SCIE) e a Fundación BBVA.

O galardón recoñece a súa ampla traxectoria na investigación e na docencia no ámbito da intelixencia artificial, así como o seu papel clave na promoción, divulgación e impulso desta disciplina. O xurado destacou especialmente as súas contribucións pioneiras ao desenvolvemento dunha intelixencia artificial escalable, explicable e sustentable, mediante novas metodoloxías de aprendizaxe automática que incorporan aspectos como a dimensionalidade dos datos, a transparencia e a eficiencia dos modelos máis aló das métricas tradicionais.

Amparo Alonso desenvolve o seu labor docente na Facultade de Informática da UDC e é investigadora no CITIC, onde consolidou unha recoñecida traxectoria científica no ámbito da intelixencia artificial e da aprendizaxe automática. O seu traballo contribuíu ao avance de sistemas intelixentes máis fiables, eficientes e comprensibles, con aplicacións en distintos ámbitos e unha destacada proxección internacional.

Sobre os Premios SCIE–Fundación BBVA

Os Premios de Investigación SCIE–Fundación BBVA distinguen anualmente a excelencia científica no ámbito da informática mediante dúas modalidades: os Premios Nacionais de Informática, que recoñecen a traxectoria de persoal investigador e entidades de referencia, e os premios a Investigadores Novos en Informática, destinados a destacar as mellores teses de doutoramento e o talento emerxente da disciplina.

Na súa décima edición, os Premios Nacionais de Informática, ademais de a Amparo Alonso, distinguiron a Javier García Zubía, co Premio Ramón Llull; á empresa INSITU S.L., co Premio Ángela Ruiz Robles; e a José Hernández-Orallo, co Premio Aritmel.

Así mesmo, a modalidade de Investigadores Novos en Informática recoñeceu as traxectorias emerxentes de Eduardo Sebastián Rodríguez, Lorenzo Mur-Labadía, Aurora Polo Rodríguez, José Luis Pontón Martínez, Óscar Sainz Jiménez e Paula Delgado de Santos.

Recoñeceuse a excelencia e o impacto das súas contribucións en áreas clave da disciplina informática. As persoas galardoadas destacan polos seus avances en autonomía de sistemas multirrobot, visión por computador, intelixencia artificial aplicada a contornas intelixentes e saúde dixital, realidade virtual, procesamento da linguaxe natural e biometría do comportamento. Os seus traballos combinan innovación científica, proxección internacional e un claro potencial de transferencia, impulsando o desenvolvemento de tecnoloxías de vangarda con aplicacións en ámbitos como a robótica, as experiencias inmersivas, a interacción persoa-máquina e a intelixencia artificial.

Sobre o CITIC

O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) é un centro de investigación da Universidade da Coruña creado en 2008 para impulsar o avance e a excelencia na I+D+i aplicada ás tecnoloxías da información e as comunicacións.

A súa actividade científica estrutúrase en catro grandes áreas de investigación: Intelixencia Artificial, Ciencia e Enxeñaría de Datos, Computación de Altas Prestacións e Servizos e Redes Intelixentes, ademais dunha liña transversal dedicada á Ciberseguridade.

O CITIC está acreditado como Centro de Excelencia e forma parte da Rede CIGUS para o período 2024-2027, un recoñecemento que avala a calidade e o impacto da súa investigación. A acreditación, estruturación e mellora do centro está cofinanciada pola Xunta de Galicia e pola Unión Europea, a través do Programa FEDER Galicia 2021-2027, co obxectivo de promover unha Europa máis intelixente mediante unha transformación económica innovadora e intelixente (ED431G 2023/01).