CITIC
Acto de entrega de premios

A IV Edición do Congreso XoveTIC congrega a máis dun centenar de asistentes

08/10/2021 – CITIC

O IV Congreso XoveTIC, organizado polo Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña, congregou o 7 e 8 de outubro a máis dun centenar de asistentes en formato híbrido. Investigadores e investigadoras júnior presentaron un total de 62 traballos no ámbito das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións, sendo un espazo de encontro para o debate científico e un impulso para a súa formación.

Ademais das comunicacións orais e os pósteres presentados, tiveron lugar dúas conferencias plenarias, a cargo da directora da Área de Tecnoloxía da UPF Barcelona School of Management, Ana Freire, que explicou coa súa charla “Tecnoloxía deseñada por e para o ser humano” como se pode aplicar a tecnoloxía na saúde mental e axudar na prevención do suicidio. O membro do Comité Asesor de Directores do INESC TEC de Porto e profesor da Universidade do Minho, Rui Carlos Oliveira, ofreceu a ponencia “Emergency Research: Help fighting a pandemic”, achegando o traballo realizado coa aplicación STAYAWAY COVID.

O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e o director do CITIC, Manuel F. González Penedo, clausuraron o acto tras a entrega de premios, na que se recoñeceron os mellores traballos valorados por parte do comité científico do XoveTIC, atendendo á súa calidade, excelencia e orixinalidade. Cada premio está valorado cunha gratificación económica de 300 euros.

O director xeral de Imatia, Fernando Vázquez, outorgou o premio en representación do Cluster TIC de Galicia ao traballo “SparkEC: una herramienta Big Data para la corrección de errores en lecturas genéticas”, presentado por Marco Martínez Sánchez.

Pola súa banda, o presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Fernando Suárez Lorenzo, fixo entrega do premio ao traballo “Multiple-Choice Question Answering Models for Automatic Depression Severity Estimation”, recollido por Anxo Pérez, coautor do traballo, en representación de Jorge Gabín, quen realizou a exposición.

Seguidamente, o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), condecorou o traballo presentado por Álvaro Michelena, “Detección de ataques de DoS en un entorno IoT controlado por protocolo MQTT basado en clasificadores binarios inteligentes”; entregou o galardón o director da área IT e Enxeñería de Software do ITG, Óscar González Represas.

O traballo exposto por Aida Vidal Balea, “Collaborative Digital Twin: a Novel Open-Source Augmented Reality Solution for Training and Maintenance Processes in the Shipyard of the Future”, foi galardoado pola Cátedra Aldaba WIB, a Cátedra UDC-Everis en Transformación Dixital e a Cátedra R en Ciberseguridade, entregado polo decano da Facultade de Informática da UDC, Mariano Cabrero Canosa.

Finalmente, o concelleiro de Educación, Memoria Histórica, Innovación, Industria e Emprego do Concello da Coruña, Jesús Javier Celemín Santos, entregou o premio da Fundación CITIC de Galicia a Alejandro Puente polo traballo “PRACTICUM DIRECT Simulador para la toma de decisiones durante pandemias”.