CITIC

A ONCE e o CITIC da Universidade da Coruña únense para explorar solucións tecnolóxicas que contribúan a mellorar a vida das persoas con discapacidade visual

24/01/2023 - CITIC
  • Investigadores do Centro de Investigación TIC da UDC e membros da ONCE realizaron un taller no que conectaron as necesidades da organización coas tecnoloxías desenvolvidas no CITIC. 
  • A experiencia en robótica industrial, a localización en exteriores e a aplicabilidade da IA en loxística ou distribución foron algúns dos temas que se abordaron a través de catro mesas de traballo nas que participaron case unha vintena de investigadores e seis membros da ONCE. 

A Coruña, 24 de xaneiro  de 2024.- O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información (CITIC) da Universidade da Coruña   e a ONCE mantiveron unha xornada de traballo co fin de explorar  solucións tecnolóxicas para a mellora da vida das persoas con discapacidade visual e optimización de procesos a través da aplicación da IA, a robótica ou os escenarios de realidade virtual. O encontro enmárcase dentro da iniciativa ONCE INNOVA, o laboratorio de innovación da ONCE, desde o que se aposta polo traballo colaborativo e xeración de alianzas estratéxicas, co fin de crear espazos de intercambio para o impulso á innovación inclusiva e desenvolvemento de coñecemento en novas tecnoloxías. 

No taller, que tivo lugar no CITIC, participaron seis membros de distintas áreas da ONCE e quince investigadores do CITIC que, a través de catro mesas de traballo, conectaron as necesidades de innovación da organización coas tecnoloxías desenvolvidas no centro. O taller, realizado a través de metodoloxías de innovación centrada nas persoas, celebrouse  co propósito de atopar solucións aos casos de uso presentados desde a ONCE, froito da análise coas distintas áreas de negocio implicadas.  

Partiuse de catro  perfiles de persoa  que representaban casos de uso aplicables a áreas da ONCE, como a loxística, comercial, experiencia de usuario no ámbito sanitario ou a navegación informada. 

Os membros do CITIC que participaron na experiencia contan con perfís especializados en robótica industrial, sensorización e automatización, modelización de procesos e aplicación da IA en plantas de loxística e distribución. Outras das liñas de traballo expostas foron as tecnoloxías de proximidade, o desenvolvemento de apps ou a atención á diversidade, así como a xeolocalización exterior, a visión artificial e as cámaras de profundidade e a aplicación da Intelixencia artificial en análise  de tempo real de obstáculos. Así mesmo, tamén se falou sobre a analítica de vendas, a representación da información xeolocalizada, a análise de perfís de poboación e a adquisición de fontes reais.  

O centro de investigación da UDC é un referente no desenvolvemento de proxectos de IA e a aplicación das TIC en proxectos e iniciativas destinadas a favorecer a inclusión social, promovendo o seu uso para mellorar a calidade da vida das persoas con discapacidade, como no caso do programa Talentos Inclusivos.