CITIC

A programación universitaria galega cítase no AdaByron 2026 co apoio tecnolóxico do CITIC

27/04/2026 - CITIC

O pasado 24 de abril pola tarde celebrouse de forma simultánea nos tres centros do Sistema Universitario Galego que imparten o Grao en Enxeñaría Informática —a Facultade de Informática da Universidade da Coruña (UDC), a Escola Técnica Superior de Enxeñaría da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Escola Superior de Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo (UVIGO)— unha nova edición do certame AdaByron Galicia 2026, consolidado como unha das competicións de programación máis destacadas para o estudantado universitario.

O evento reuniu equipos de distintas universidades galegas nunha xornada marcada pola innovación, a resolución de problemas e o traballo en equipo. AdaByron, nacido na Comunidade de Madrid e aberto desde 2022 a outras universidades españolas, ten como obxectivo fomentar as habilidades de programación do alumnado e promover a súa participación en competicións internacionais como o ICPC (International Collegiate Programming Contest). Para iso, o concurso propón retos de distintos niveis de dificultade, accesibles tanto para estudantes de primeiro curso como para perfís máis avanzados.

O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da UDC desempeñou un papel clave no desenvolvemento da competición, colaborando coa infraestrutura tecnolóxica. Grazas a un servidor do centro, a organización puido monitorizar en todo momento a evolución do certame mediante un xuíz virtual, encargado de avaliar automaticamente as solucións achegadas polos equipos participantes da Coruña con precisión e en tempo real.

Premiados

O equipo Riemann Haters 3.0, da Universidade de Vigo, proclamouse gañador do AdaByron Galicia 2026. Pola súa banda, o equipo S4nt4 C0mp4ñ4, formado polo estudantado de segundo curso Isabel Villar García, Pedro Rey Anca e Daniel Gómez Lamigueiro, foi o vencedor na sede da Universidade da Coruña.

Así mesmo, o equipo B300, tamén da UDC, obtivo o primeiro posto na Categoría A —dirixida a equipos cuxos integrantes cursan primeiro ano—. Este equipo está composto por Hugo Domínguez Conde, Pablo Barreiro Cores e Adrián Fandiño Suárez.

Os mellores equipos clasificados nesta fase autonómica terán a oportunidade de participar na final nacional de AdaByron, que se celebrará en xullo de 2026.

O certame reafirma así o seu compromiso coa promoción do talento emerxente no ámbito da programación e da enxeñaría informática, fomentando o desenvolvemento de competencias clave nunha contorna competitiva, inclusiva e colaborativa.

Máis información sobre a edición deste ano: https://ada-byron.es/2026/reg/galicia/