A UDC e o Ministerio de Xuventude e Infancia asinan un convenio para impulsar a ciencia e a inclusión entre a mocidade
- O CITIC será o principal encargado de canalizar as accións contempladas no acordo, tendo ao seu programa Talentos Inclusivos como un dos eixos centrais
- Promoveranse programas que fomenten o interese pola ciencia e a tecnoloxía dende idades temperás, co obxectivo de fortalecer as competencias das novas xeracións e preparalas para os retos futuros
A Coruña, 6 de febreiro de 2026
Promover o desenvolvemento cultural, científico e tecnolóxico na infancia, adolescencia e xuventude, con especial atención á inclusión social e ao fomento das vocacións STEM. Este é o obxectivo do convenio asinado este venres entre a Universidade da Coruña e o Ministerio de Xuventude e Infancia.
O acto contou coa participación do secretario de Estado de Xuventude e Infancia, Rubén Pérez Correa e do reitor da UDC, Ricardo Cao; así como do director do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC), Manuel G. Penedo; centro que será o principal encargado de canalizar as accións contempladas no acordo.
No marco deste convenio, ambas institucións impulsarán a concienciación sobre o bo uso das TIC e fortalecerán as competencias dixitais das novas xeracións, preparándoas para os desafíos dunha sociedade en constante evolución.
Talentos Inclusivos
Un dos eixos centrais do convenio é o proxecto Talentos Inclusivos, unha iniciativa que xa se atopa na súa sexta edición e que, a través do desenvolvemento de retos tecnolóxicos formulados por persoas con parálise cerebral, busca espertar o interese pola ciencia e a tecnoloxía entre estudantes de educación secundaria, bacharelato e Formación Profesional de diversos institutos de Galicia. Ao mesmo tempo, o programa reforza valores como a inclusión, a empatía e o traballo en equipo, fomentando unha aprendizaxe significativa baseada na colaboración e no compromiso social.
O convenio asinado establece un marco de colaboración para a organización de actividades formativas conxuntas, a difusión dos proxectos a través das canles institucionais, a participación en grupos de traballo e actos de sensibilización, así como a promoción de certames e congresos de ámbito científico.
Con esta alianza, a UDC e o Ministerio de Xuventude e Infancia unen esforzos para xerar oportunidades de aprendizaxe e inclusión que contribúan ao benestar presente e futuro das novas xeracións, situando a ciencia e a tecnoloxía ao servizo dunha sociedade máis xusta e accesible.
O reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao, salientou o valor estratéxico do programa Talentos Inclusivos como exemplo do compromiso da UDC coa inclusión, a innovación e a promoción das vocacións STEM entre a mocidade. Destacou que este tipo de proxectos “reflicten á perfección a capacidade da Universidade para unir ciencia, tecnoloxía e compromiso social, creando oportunidades reais para que o estudantado participe en retos tecnolóxicos con impacto directo na sociedade”. Ademais, puxo en valor a cooperación institucional que facilita o desenvolvemento de iniciativas como esta, que contribúen a fortalecer un ecosistema científico e tecnolóxico máis inclusivo.
Pola súa banda, o secretario de Estado de Xuventude e Infancia, Rubén Pérez Correa, destacou que este convenio “reflicte unha aposta clara por situar a ciencia e a tecnoloxía ao servizo da inclusión e dos dereitos da infancia e da mocidade”. Subliñou que iniciativas como Talentos Inclusivos “demostran que é posible espertar vocacións STEM desde idades temperás ao tempo que se combate a exclusión e a fenda dixital”, e engadiu que “desde o Ministerio queremos que o acceso ao coñecemento, ás competencias dixitais e á innovación non dependa da orixe social nin da situación persoal”.
Para o director do CITIC, Manuel Penedo, este convenio “permitirá desenvolver pilotos educativos para a mocidade no ámbito das tecnoloxías inclusivas, apoiar políticas sobre o uso responsable das TIC e contribuír á redución da fenda dixital no ámbito da discapacidade”. Ademais, destacou que “o respaldo do Ministerio reforza o traballo que o CITIC vén desenvolvendo con proxectos como Talentos Inclusivos, e abre a porta a novas accións no binomio tecnoloxía e inclusión”.
O convenio pon de manifesto a aposta do Ministerio de Xuventude e Infancia pola ciencia e a investigación como motores do progreso e do benestar da infancia e da xuventude, fomentando o interese pola tecnoloxía na mocidade e concienciando sobre o bo uso das TIC.
Neste contexto, o CITIC, centro da UDC recoñecido como Centro de Investigación de Excelencia e que forma parte da Rede CIGUS da Xunta de Galicia, achegará a súa experiencia no desenvolvemento e investigación nas TIC e na transferencia de resultados á sociedade.
Sobre o CITIC
O CITIC é un centro de investigación que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicada ás TIC, creado en 2008 pola Universidade da Coruña. A actividade científica do centro estrutúrase en catro áreas de investigación principais: Intelixencia artificial; Ciencia e Enxeñería de Datos; Computación de Altas Prestacións; e Servizos e Redes Intelixentes, e unha área de investigación transversal a todas elas: a de Ciberseguridade.
O CITIC está acreditado como Centro de Excelencia e membro da Rede CIGUS para o período 2024-2027, o que avala a calidade e impacto da súa investigación. A acreditación, estruturación e mellora do CITIC está cofinanciada pola Xunta de Galicia e nun 60% pola Unión Europea no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2021-2027, co obxectivo temático de promover “unha Europa máis intelixente: transformación económica innovadora e intelixente” (ED431G 2023/01).
Sobre Talentos Inclusivos
Talentos Inclusivos é un proxecto impulsado polo CITIC que se desenvolve ao longo do curso escolar, e que conta co apoio da FECYT (Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía). O seu obxectivo é espertar vocacións STEM (Science, Technology, Engineering and Mathematics) entre os mozos e dar a coñecer a realidade da discapacidade a través de equipos colaborativos de traballo para resolver retos tecnolóxicos expostos por persoas con parálise cerebral.
A través deste proxecto, alumnos e alumnas de secundaria e bacharelato de diversos institutos de Galicia, terán que buscar solucións tecnolóxicas a unha serie de retos que serán propostos por usuarios da entidade ASPACE Coruña, Amencer-ASPACE, APAMP e Cruz Vermella A Coruña.
Para máis información, pode visitarse a web do proxecto: https://talentosinclusivos.citic.udc.es