CITIC

Aberto o prazo de envío de abstracts para o IX Congreso XoveTIC

15/06/2026 - CITIC
  • A IX edición do Congreso XoveTIC celebrarase os días 15 e 16 de outubro de 2026, organizado polo CITIC da UDC en colaboración coa Facultade de Informática.

Xa está aberto o prazo de envío de abstracts para o Congreso XoveTIC, organizado polo Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña en colaboración coa Facultade de Informática da UDC. Trátase dun encontro científico dirixido a persoal investigador júnior, tanto en etapa predoutoral como posdoutoral, que desexe dar a coñecer as súas investigacións nun ambiente colaborativo e distendido.

O prazo de envío de abstracts permanecerá aberto ata o venres 17 de xullo de 2026. Os abstracts deberán ter unha extensión máxima de 800 caracteres e cargarse na páxina web do congreso a través de EasyChair. Posteriormente, notificaranse os traballos seleccionados e avaliados polo Comité Científico e habilitarase o prazo para a subida dos papers, que deberán ter unha extensión de entre catro e oito páxinas, sen contar o índice nin a páxina en branco da plantilla.

O congreso ten como principal obxectivo fomentar un espazo de intercambio académico que favoreza a discusión científica, a colaboración e a formación de mozas investigadoras e mozos investigadores no ámbito das TIC.

Coa apertura desta convocatoria, a comunidade científica pode xa remitir os seus resumos de contribucións para a súa avaliación en formato de comunicación oral ou póster. Aceptaranse tanto traballos de investigación orixinais como resultados previamente presentados noutros foros, sempre que fosen adaptados ao formato do congreso.

O evento mantén o seu carácter gratuíto e a súa vocación de encontro próximo e colaborativo. Todos os traballos aceptados serán recollidos nun libro de actas, contribuíndo á difusión da investigación presentada durante o congreso.

Toda a información actualizada, incluídas as datas clave do proceso de envío e avaliación, está dispoñible na páxina oficial do Congreso XoveTIC: https://xovetic.citic.udc.es/