CITIC

Aberto o prazo de inscrición para participar na Olimpíada Informática Galega organizada polo CPEIG en colaboración co CITIC da UDC

10/01/2024 - CITIC

A Olimpíada Informática Galega 2024 (OIG 2024) abre o seu prazo de inscrición para participar ata o vindeiro xoves 18 de xaneiro. A competición consistirá en resolver seis problemas, normalmente sobre o deseño e automatización de algoritmos, utilizando C++, Python ou Java.

A convocatoria está destinada a estudantes de secundaria, bacharelato e ciclos formativos de grao medio. O seu obxectivo é a promoción do coñecemento e das vocacións en informática. A organización pechou a preinscrición do certame con 20 participantes e abriu ata o día 18 a inscrición final, para a que quedan dispoñibles 16 prazas.

Os dous primeiros clasificados asistirán á XXVIII Olimpíada Informática Española (OIE), que se celebrará do 15 ao 17 de marzo en Sevilla. As persoas gañadoras poderán acceder á Olimpíada Informática Internacional, que se celebrará en setembro de 2024 en Exipto. Ademais, premiaranse os seguintes postos na clasificación, outorgarase o premio á mellor programadora feminina e ao mellor participante da ESO.

O certame, organizado polo Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia (CPEIG), en colaboración co CITIC e as tres universidades galegas (UDC, USC e Uvigo), terá lugar o vindeiro sábado 3 de febreiro na Escola Superior de Enxeñería Informática de Ourense coa colaboración da Facultade de Informática da UDC e a Escola Técnica Superior de Enxeñería da USC. 

A OIG 2024 está patrocinada por entidades do sector TIC como Abanca, Bahía Software, Agrupación industrial TIC de Galicia, Councilbox, Duacode, DXC Technology, Emetel, Extreme Networks, Google Clouds, Minsait, NTT Data e Sixtema.

Más información e inscricións en https://oig.gal/