CITIC

Adriana Dapena, primeiro premio en Atención á Diversidade nos III Premios de Innovación Docente da UDC

24/11/2023 - CITIC

A Universidade da Coruña recoñeceu o labor de dez docentes cuxos proxectos combinan aprendizaxe e servizo á comunidade a través dos III Premios a Proxectos de Innovación Docente en Aprendizaxe-Servizo. Entre os galardoados está a investigadora do CITIC e profesora da UDC, Adriana Dapena Janeiro, que xunto con Paula María Castro Castro levaron o primeiro premio na categoría de Atención á Diversidade polo seu proxecto “Tecnoloxía e Sociedade”.

A metodoloxía de aprendizaxe-servizo (ApS) empregada por Dapena promove a integración da tecnoloxía na sociedade de maneira inclusiva e diversa, fomentando o compromiso social e a adquisición de habilidades prácticas.

Os galardóns conlevan unha dotación económica total de 3.000 euros, a repartir entre un primeiro premio de 600 euros e un segundo de 400 euros para cada unha das tres categorías: Sustentabilidade, Atención á Diversidade e Redución das Desigualdades.

Os premios outorgados nesta edición foron os siguientes: na liña temática de Sustentabilidade, María José Servia, gañadora do primeiro premio co proxecto “Etoloxía e Sociedade”, e Patricia Carballal Miñán, segunda clasificada co traballo “Ecoliteratura circular: da universidade á escola”.  No apartado de Atención á Diversidade, Adriana Dapena Janeiro e Paula María Castro Castro, co primeiro posto polo proxecto “Tecnoloxía e Sociedade”, e Antonio Legerén Molina, que obtivo o segundo premio coa iniciativa docente “De ti a ti”. Finalmente, na categoría de Redución das Desigualdades, os gañadores foron Raquel Veiga Seijo e María Cristina González Martín, cun primeiro posto por “Promovendo unha podolife saudable na comunidade: unha experiencia de aprendizaxe e servizo con persoas sen fogar no marco da podoloxía” e María Barba Núñez, Laura Cruz López e Patricia Digón Regueiro, que acadaron un segundo premio polo proxecto “A través das ondas coa Radio LibreMente”.