CITIC

Amparo Alonso falará este mércores sobre IA e sustentabilidade ao alumnado da Cátedra Inditex-UDC

09/04/2024 - CITIC
  • A charla, que ten lugar este 10 de abril na Facultade de Economía e Empresa da UDC, forma parte do Curso de Especialización en Sustentabilidade e Innovación Social (CESIS)

A investigadora do CITIC da Universidade da Coruña, Amparo Alonso, impartirá mañá, mércores 10 de abril, unha charla dentro do Curso de Especialización en Sustentabilidade Social (CESIS) da Cátedra Inditex-UDC de Sustentabilidade.

No seu relatorio, que terá lugar na Facultade de Economía e Empresa da Universidade da Coruña (Campus de Elviña), de 16.00 a 17.30 horas, Amparo Alonso introducirá ao alumnado de posgrao en temas referidos á sustentabilidade en IA. 

A denominada intelixencia artificial verde é unha liña de traballo que se está impulsando desde diferentes grupos do CITIC da UDC en sintonía co Plan Nacional de Algoritmos Verdes do Goberno. A IA aplicada aos algoritmos verdes é un conxunto de sistemas cuxa meta é interpretar todos os datos dunha entidade e traducilos da forma máis sostible, máis responsable e menos contaminante para o planeta. Neste sentido, hai dúas formas de aplicar este tipo de algoritmos: “Green in AI”, algoritmos que se crean de forma sostible, que consomen menos recursos na súa xestación e que conseguen o mesmo resultado e “Green by AI”, algoritmos que xeran un impacto sostible.

O impulso da IA é un dos eixos estratéxicos da Axenda España Dixital 2025, dentro da que se enmarca o plan nacional. O seu obxectivo é situar a España á vangarda do desenvolvemento dunha IA máis respectuosa co medioambiente, dando soporte aos centros de investigación punteiros e ao tecido económico do noso país.