24/03/2021 – CITIC
Os equipos de traballo do proxecto Talentos Inclusivos atópanse avanzando nos seus retos tecnolóxicos. O alumnado de Tecnoloxía dos centros educativos participantes xa presentou diferentes propostas e prototipos dirixidos a mellorar a calidade de vida dos usuarios e usuarias de ASPACE Coruña.
O proxecto Talentos Inclusivos está desenvolvido polo CITIC en colaboración con ASPACE Coruña e o apoio do Consello Social da UDC e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT). Ten o obxectivo de, por unha banda, fomentar as vocacións TIC entre estudantes de secundaria e bacharelato e, por outra, sensibilizar sobre a diversidade funcional.
Colexio Calasanz PP. Escolapios
En primeiro lugar, o colexio Calasanz PP. Escolapios da Coruña realizou as primeiras probas de control do robot que poderá ser manexado desde distintos dispositivos como luvas, volantes adaptados ou mandos controlados desde os pés.
Colexio Salesianos San Juan Bosco
Pola súa banda, o colexio Salesianos San Juan Bosco da Coruña avanzou no reto do dron, estudando o seu funcionamento e a posibilidade de programalo para manexalo co movemento de cabeza e man a través dunha placa controladora e diversas tecnoloxías inalámbricas. Ademais, tamén están estudando e deseñando un mando adaptado que permita acender e apagar un ordenador a través do coñecemento dos elementos da placa basee, deseño en 3D, etc.
IES Miraflores
O IES Miraflores de Oleiros realizou as súas primeiras probas de impresión 3D, adaptando o tamaño dos deseños para conseguir optimizalos.
IES Terra de Trasancos
O alumnado do IES Terra de Trasancos de Narón recibiu unha cadeira de rodas eléctrica por parte de Prim Clínicas Ortopédicas, colaborador de ASPACE Coruña, para axudar ao equipo co seu reto. Desta forma, terán a oportunidade de traballar cunha cadeira real e experimentar en primeira persoa o seu funcionamento. Xa realizaron as primeiras probas de funcionamento dos sensores de colisión para cadeiras de rodas.
IES Sofía Casanova
En canto ao equipo do IES Sofía Casanova de Ferrol, presentaron unha versión inicial da adaptación do xogo Pong. Na sesión de coordinación, abordáronse mellóralas a introducir de acordo coas necesidades dos usuarios e usuarias de ASPACE Coruña: a diminución da velocidade, o engrosamento das barras laterais e outros detalles de mellora da visibilidade. Tamén se comentaron as posibles adaptacións para o control do xogo, que polo momento se realiza co teclado do ordenador.
IES de Ortigueira
O IES de Ortigueira xa ten listo o seu primeiro xoguete adaptado, que será probado polos usuarios e usuarias de ASPACE Coruña. Co feedback que recibirán desde o centro, o alumnado poderá melloralos para que sexan máis eficientes.
IES David Buján
Para rematar, o IES David Buján de Cambre atópase traballando nun traxe de luces controlado con pulsadores adaptados e xa han ter a oportunidade de presentar os primeiros avances. Para o control das luces utilizarán Makey-Makey.