Os equipos de traballo do proxecto Talentos Inclusivos atópanse avanzando nos seus retos tecnolóxicos. O alumnado de Tecnoloxía dos centros educativos participantes xa presentou diferentes propostas e prototipos dirixidos a mellorar a calidade de vida dos usuarios e usuarias de ASPACE Coruña.
O proxecto Talentos Inclusivos está desenvolvido polo CITIC en colaboración con ASPACE Coruña e o apoio do Consello Social da UDC e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT). Ten o obxectivo de, por unha banda, fomentar as vocacións TIC entre estudantes de secundaria e bacharelato e, por outra, sensibilizar sobre a diversidade funcional.
Colexio Calasanz PP. Escolapios
En primeiro lugar, o colexio Calasanz PP. Escolapios da Coruña realizou as primeiras probas de control do robot que poderá ser manexado desde distintos dispositivos como luvas, volantes adaptados ou mandos controlados desde os pés.