CITIC

Comezan as sesións de sensibilización sobre a parálise cerebral do proxecto Talentos Inclusivos

14/01/2021 – CITIC

Unha vez definidos todos os equipos de traballos e os retos a desenvolver por parte dos centros educativos participantes no proxecto Talentos Inclusivos, púidose dar comezo ás sesións de sensibilización sobre a parálise cerebral dirixidas a todos os equipos de traballo participantes.

Esta semana tiveron lugar as sesións co colexio Calasanz PP. Escolapios, o IES de Ortigueira e o colexio Salesianos San Juan Bosco. Nestes primeiros encontros, os usuarios e profesionais de ASPACE Coruña explicaron aos estudantes dos diferentes centros educativos que é a parálise cerebral, como a viven persoalmente e que limitacións lles supoñe para desenvolver unha vida plena. Tamén destacaron como as TIC, e especialmente a robótica e a domótica, poden axudar a mellorar a súa calidade de vida.

Sesión de sensibilización co colexio Calasanz PP. Escolapios da Coruña

Esta sesión tivo lugar o 11 de xaneiro e nela participaron máis de 70 alumnos das dúas aulas de 1º de bacharelato do colexio Calasanz PP. Escolapios da Coruña.

Desde as aulas do Calasanz, os alumnos e alumnas e o seu profesor Roberto Catoira, ratificaron a súa ilusión e compromiso en traballar no desenvolvemento de distintas solucións de robótica adaptadas ás capacidades dos usuarios. En concreto, desde este centro traballarase en crear robots que poidan ser manexados desde distintos dispositivos como poden ser luvas, volantes adaptados ou mandos controlados desde os pés.

Para iso, o centro conta xa co material que lle permitirá empezar a traballar nos primeiros prototipos, como son dúas placas Micro:bit, un robot e unha impresora 3D para o desenvolvemento das adaptacións.

Sesión de sensibilización co IES de Ortigueira

O 12 de xaneiro celebrouse a sesión de sensibilización sobre a parálise cerebral co IES de Ortigueira. O subdirector do CITIC e investigador principal do proxecto, Javier Pereira, e a investigadora Carla Guerra presentaron o proxecto Talentos Inclusivos ao equipo de traballo do instituto, formado por dez alumnos de 1º de bacharelato e a súa profesora Patricia Hermida.

Así mesmo, dous usuarios de ASPACE Coruña suscitaron o reto a desenvolver polo equipo ortegano, que consistirá no desenvolvemento de xoguetes adaptados ás súas necesidades. Os mozos de ASPACE Coruña mostraron, a modo de exemplo, a dificultade que entraña para eles o simple acendido dun xoguete convencional.

Sesión de sensibilización co colexio Salesianos San Juan Bosco

O 13 de xaneiro tivo lugar a sesión de sensibilización co colexio Salesianos San Juan Bosco.

Os estudantes puideron visualizar a través do equipo de usuarios de ASPACE diferentes formas de manifestarse a parálise cerebral, e como nalgúns casos non afecta ao fala en absoluto e como noutros afecta totalmente, sendo necesaria a utilización dun taboleiro con pictogramas para comunicarse.

Os usuarios de ASPACE explicáronlles aos estudantes dificultades concretas ás que se enfrontan no seu día a día como o aceso e apagado dun ordenador, o uso dun teléfono móbil e a utilización dun timbre, entre outras, concienciando aos mozos da necesidade de que a tecnoloxía sexa universal e accesible para todos.

O equipo de traballo de Salesianos mostrou moito interese por resolver un reto tecnolóxico relacionado coa sensórica ou o desenvolvemento de botóns adaptados.

As próximas sesións desenvolveranse ao longo do mes de xaneiro e serán as seguintes:

– 19 de xaneiro co IES Terra de Trasancos

– 21 de xaneiro co IES Sofía Casanova

– 26 de xaneiro con IES Miraflores

– 27 de xaneiro co IES David Buján