CITIC
INSPIRASTEAM

Comeza unha nova edición do programa Inspira STEAM A Coruña, co que colabora o CITIC

13/01/2023 – CITIC

O CITIC colabora cunha nova edición do programa Inspira STEAM, promovido pola Universidade de Deusto e coordinado na Coruña pola investigadora do CITIC Verónica Bolón. O programa ten a finalidade de fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas entre estudantes, especialmente entre as nenas.

A nova edición dará comezo o próximo 19 de xaneiro cunha xornada formativa en liña, de cinco horas de duración, destinadas a mentoras e mentores do ámbito académico, empresarial e da investigación. A formación será impartida por Ander Mimenza Aurrecoechea, coach, formador e consultor especializado en desenvolvemento organizacional e de persoas.

Unha vez realizada a xornada formativa, desenvolveranse seis sesións de traballo en centros educativos de ensino primario da provincia da Coruña cos obxectivos de facilitar ao alumnado referentes de mulleres científicas e tecnólogas, dar a coñecer as profesións STEAM, sensibilizar e orientar sobre os estudos en ciencia e tecnoloxía, visibilizar e poñer en valor as mulleres STEAM da historia, así como dar a coñecer os estereotipos existentes nestas áreas para que non condicionen as decisións de nenas e nenos.

Esta edición do programa tamén contará coa colaboración da cátedra NTT Data e o Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia.