CITIC

Cruz Roja A Coruña visita o CITIC

15/02/2024 - CITIC

Esta mañá o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña recibiu a visita de representantes de Cruz Roja A Coruña para coñecer as principais liñas de investigación en materia de discapacidade e inclusión que se están levando a cabo no centro e estudar posibles vías futuras de colaboración.

Os asistentes Aránzazu Jiménez de Chairo, directora Provincial de Formación en Cruz Roja na Coruña, Fernando Martínez e Lucía González, docentes no centro de Formación Profesional da entidade, reuníronse con Javier Pereira, subdirector do CITIC e responsable do proxecto Talentos Inclusivos.

A sesión deu comezo no Demostrador Tecnolóxico, un espazo singular no que se expuxo a iniciativa Talentos Inclusivos, proxecto que ten por obxectivo fomentar as vocacións STEM entre alumnado de secundaria, bacharelato e Formación Profesional e visibilizar os retos aos que se enfrontan as persoas con parálise cerebral no seu día a día.

Posteriormente, no laboratorio de impresión 3D, explicouse o funcionamento das impresoras de extrusión de plástico, resina e fusión de po.  Unha vez na sala de Realidade Virtual, os participantes probaron o supermercado virtual, un proxecto desenvolvido para favorecer a rehabilitación de persoas con discapacidade mediante o uso de escenarios permiten a realización de diversas actividades da vida cotiá.