CITIC

Do reloxo falante ao brazo robótico: alumnado galego desenvolve máis de 40 solucións tecnolóxicas para a inclusión

10/06/2026 - CITIC
  • A Cidade da Cultura en Santiago de Compostela acolleu a clausura da VI edición do programa do CITIC da UDC Talentos Inclusivos, contando coa participación de máis de 400 persoas de 16 centros educativos de toda Galicia.

Santiago de Compostela, 10 xuño de 2026.- A VI edición do programa Talentos Inclusivos, impulsado polo CITIC da UDC , celebrou hoxe o seu acto de peche no edificio Fontán da Cidade da Cultura (Santiago de Compostela), cunha feira expositiva na que os centros educativos participantes presentaron os retos tecnolóxicos desenvolvidos ao longo do curso en colaboración con persoas usuarias de entidades sociais.

O encontro reuniu 16 centros educativos de toda Galicia, que expuxeron solucións deseñadas para dar resposta a necesidades reais formuladas por persoas de entidades como ASPACE, Amencer, APAMP ou Cruz Vermella, nun traballo conxunto centrado na accesibilidade, a autonomía persoal e a inclusión a través da tecnoloxía.

A xornada contou coa presenza de diversas autoridades, entre elas o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez González; a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández Novoa; o director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado Puente; e o secretario xeral do Consello Social da Universidade da Coruña (UDC), Jesús Spósito Prado, quen destacaron o valor educativo e social da iniciativa. Así mesmo, estiveron presentes representantes das entidades sociais participantes, entre eles o vicepresidente de ASPACE Coruña, Eulogio López Río; o xerente de ASPACE Coruña, Ricardo Iglesias Sanmartín, a xerente de Amencer-ASPACE, Mónica Touriño Soto e o equipo de persoas voluntarias de Inditex.

O director do CITIC da UDC, Manuel Francisco González Penedo, subliñou que “Talentos Inclusivos é un exemplo claro de como a investigación e a tecnoloxía poden ter un impacto directo na vida das persoas. Ver ao alumnado traballar xunto ás entidades sociais para desenvolver solucións reais pon de manifesto o valor da innovación cando se orienta á inclusión e á mellora da autonomía persoal”.

Na mesma liña, o responsable do programa, o investigador do CITIC Javier Pereira Loureiro, destacou que “esta edición volve demostrar o potencial do alumnado cando traballa a partir de necesidades reais. Os proxectos presentados reflicten creatividade, compromiso e unha enorme sensibilidade social, cun resultado que vai moito máis alá do ámbito educativo e ten un impacto directo na vida diaria das persoas usuarias”.

Tras a chegada do alumnado e das persoas participantes, e a recepción das autoridades, os representantes institucionais realizaron unha visita guiada polos expositores, durante a que coñeceron de primeira man os distintos proxectos e fixeron entrega dos diplomas acreditativos aos centros participantes.

Innovación ao servizo das persoas

Os retos presentados amosaron unha ampla variedade de solucións tecnolóxicas aplicadas á vida cotiá. Entre eles destacan dispositivos de apoio como timbres sen fíos adaptados, sistemas de suxeición a cadeiras, adaptadores para interruptores de parede, bandexas regulables para a alimentación, ou mesas de motricidade fina, pensadas para mellorar a autonomía de persoas con diversidade funcional.

No ámbito dixital, o alumnado desenvolveu tamén diversas aplicacións móbiles accesibles, como ferramentas para a xestión de servizos básicos diarios ou a conexión con espazos sociais, así como propostas de comunicación e apoio ao entorno comunitario.

A innovación tecnolóxica estivo igualmente presente en proxectos como reloxos falantes con pictogramas e audio, máquinas de pompas con sistemas causa-efecto, enchufes intelixentes, ou mesmo solucións de maior complexidade como un brazo robótico con aplicacións básicas en tarefas domésticas, orientado á accesibilidade funcional.

Cada centro educativo participou cun conxunto de retos específicos desenvolvidos en colaboración coas entidades sociais, destacando propostas como sistemas de apoio á alimentación, dispositivos para alcanzar obxectos, adaptacións de mobiliario, solucións para o control do fogar ou ferramentas de comunicación accesible.

Tras o percorrido polos expositores, a xornada continuou cunha xincana participativa entre os proxectos, seguida dun sorteo de dous premios entre o alumnado e dun almorzo de convivencia que puxo o broche final ao encontro.

Con esta sexta edición, Talentos Inclusivos consolídase como unha iniciativa de referencia no ámbito da innovación social e educativa, promovendo o traballo colaborativo entre alumnado, entidades sociais e contorna universitaria para o desenvolvemento de tecnoloxía con impacto real na vida das persoas.

Sobre Talentos Inclusivos

Talentos Inclusivos é un proxecto desenvolvido polo CITIC (Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións) da UDC (Universidade da Coruña) e ASPACE Coruña, que conta co apoio da FECYT (Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía) do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades; do Consello Social da UDC; do Concello da Coruña e da Xunta de Galicia.

O seu obxectivo é espertar vocacións STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) entre a mocidade e dar a coñecer a realidade da discapacidade a través de equipos colaborativos de traballo para resolver retos tecnolóxicos formulados por persoas con parálise cerebral.

A través deste proxecto, estudantes de educación secundaria e bacharelato de distintos institutos de Galicia deberán buscar solucións tecnolóxicas para unha serie de retos propostos por persoas usuarias de ASPACE Coruña, Amencer-ASPACE, APAMP e Cruz Vermella A Coruña, co apoio de persoas voluntarias de Inditex e persoal investigador do CITIC.

Máis información: https://talentosinclusivos.citic.udc.es/

Sobre o CITIC

O CITIC é un centro de investigación que impulsa o avance e a excelencia en I+D+i aplicada ás TIC, creado en 2008 pola Universidade da Coruña. A actividade científica do centro estrutúrase en catro áreas principais de investigación: Intelixencia artificial; Ciencia e Enxeñaría de Datos; Computación de Altas Prestacións; e Servizos e Redes Intelixentes, e unha área de investigación transversal a todas elas: a Ciberseguridade.

O CITIC está acreditado como Centro de Excelencia e membro da Rede CIGUS para o período 2024-2027, o que avala a calidade e o impacto da súa investigación. A acreditación, estruturación e mellora do CITIC está cofinanciada pola Xunta de Galicia e nun 60% pola Unión Europea no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2021-2027, co obxectivo temático de promover “unha Europa máis intelixente: transformación económica innovadora e intelixente” (ED431G 2023/01).