CITIC

Eduardo Mosqueira participa no Congreso Brasileiro de Ciencias e Tecnoloxías Cuánticas cun curso sobre Quantum Machine Learning

06/10/2026 - CITIC

Eduardo Mosqueira Rey participou recentemente no Congreso Brasileiro de Ciencias e Tecnoloxías Cuánticas (CBCTQ 2026), onde impartiu o curso Quantum Machine Learning e formou parte dunha mesa redonda centrada na Força de trabalho no ámbito das tecnoloxías cuánticas. 

Durante o curso, o subdirector do CITIC da UDC presentou ás persoas participantes os principais fundamentos e aplicacións da aprendizaxe automática cuántica, unha área de investigación que combina técnicas de aprendizaxe automática coas posibilidades que ofrece a computación cuántica. 

A formación partiu dunha introdución á aprendizaxe automática clásica para abordar posteriormente conceptos fundamentais da computación cuántica, como a superposición, a interferencia e o entrelazamento, e a súa aplicación ao procesamento de información. Un dos eixos principais do curso foi o enfoque clásico-cuántico, que permite utilizar sistemas cuánticos para procesar datos clásicos. 

Ao longo da sesión, as persoas asistentes puideron coñecer algúns dos principais retos asociados ao procesamento cuántico de datos, entre eles a necesidade de codificar información clásica en sistemas cuánticos, así como diferentes técnicas de codificación. 

O programa puxo tamén especial énfase na aplicación práctica dos algoritmos cuánticos variacionais, que combinan circuítos parametrizados con optimizadores clásicos para avaliar e minimizar funcións de custo, constituíndo unha das estratexias fundamentais para o desenvolvemento de aplicacións na actual era de dispositivos cuánticos ruidosos ou NISQ (Noisy Intermediate-Scale Quantum). Así mesmo, o curso introduciu ás persoas participantes nas redes neuronais cuánticas e na construción de modelos híbridos capaces de procesar datos mediante circuítos cuánticos parametrizados. 

Ademais da súa participación como docente, Eduardo Mosqueira interveu nunha mesa redonda sobre Força de trabalho, dedicada a analizar os retos relacionados coa formación e preparación de profesionais ante o desenvolvemento das tecnoloxías cuánticas. 

A evolución da computación cuántica está a xerar novas necesidades de coñecemento e especialización, tanto no ámbito académico como no empresarial. Neste contexto, o CITIC da UDC é consciente da necesidade de formar profesionais capaces de traballar de maneira interdisciplinaria en áreas como a computación cuántica, a intelixencia artificial, a aprendizaxe automática e a programación, un dos desafíos asociados á consolidación deste novo campo tecnolóxico.