CITIC

O CITIC ampliará as súas instalacións con financiamento da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

14/07/2020

A Universidade da Coruña sacou a licitación a ampliación das instalacións do CITIC, que será financiada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia. Trátase dunha obra de ampliación lateral do edificio CITIC I, que ten o obxectivo de dotar de novos laboratorios ao centro e de optimizar e acondicionar interiormente espazos comúns.

Este espazo albergará laboratorios de investigación para as áreas de Intelixencia Artificial, robótica e tecnoloxía aplicada á saúde para mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade. A previsión é dispoñer dos novos laboratorios antes da finalización deste ano.

Con esta ampliación, o CITIC poderá aumentar o alcance da súa actividade investigadora e potenciar as súas capacidades, nun novo espazo onde traballarán ao redor de 20 investigadores do centro.