CITIC
Apertura

O CITIC participa nas I Xornadas Internacionais de Tecnoloxías para a Inclusión

07/03/2023 – CITIC

Os días 2 e 3 de marzo desenvolvéronse en formato híbrido as Xornadas Internacionais de Tecnoloxías para a Inclusión, realizadas na Escola Superior de Educação e Ciências Sociais do Politécnico de Leiria e difundidas a través da súa canle de Youtube.

Neste encontro, coorganizado por un grupo de investigadores/as del CITIC, liderado por Thais Pousada, e a Universidade Federal Rural de Río de Janeiro, participaron relatoras de Portugal, Brasil e España para presentar, non só resultados de proxectos de investigación sobre tecnoloxías ao servizo das persoas, senón tamén experiencias contadas polos seus protagonistas.

O subdirector do CITIC, Javier Pereira, destacou na sesión de apertura a importancia do desenvolvemento deste tipo de actividades que permiten dar a coñecer novidades e resultados do traballo de diferentes institucións, tanto universidades como entidades non lucrativas, e o interese en seguir colaborando en proxectos conxuntos para transferir as fronteiras do coñecemento a nivel internacional.

Os relatorios organizáronse ao redor de tres temáticas: educación, emprego e participación social, xogo e lecer, co compoñente común da tecnoloxía. Entre elas, destacaron a do investigador do CITIC Manuel Lagos sobre espazos personalizados de realidade virtual e a das investigadoras do centro Patricia Concheiro e Carmen Miranda sobre o proxecto Talentos Inclusivos.

Chegouse a 380 inscricións, derivado do éxito da convocatoria, e as sesións foron seguidas de modo en liña por 100 persoas. Ademais, as comunicacións completas están dispoñibles na canle de Youtube da ESECS do politécnico de Leiria nesta ligazón