CITIC

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria visita o CITIC

08/04/2019

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, Francisco Conde, visitou o pasado venres as instalacións do CITIC para coñecer Cinfo, empresa ubicada no centro. Acompañárono na visita o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, Salvador Naya, o director do CITIC, Manuel F. González Penedo, e o CEO de Cinfo, Antonio Rodríguez del Corral.

O conselleiro coñeceu algúns dos proxectos nos que traballa Cinfo. Rodríguez del Corral presentou ao conselleiro as solucións tecnolóxicas de intelixencia artificial, 5G, IoT e Big Data nas que a empresa está a traballar actualmente para o sector audiovisual, a industria 4.0 e a aeronáutica non tripulada.

Conde valorou a Cinfo como unha empresa de referencia no sector tecnolóxico que a levou mesmo a facerse internacional. Así mesmo destacou a importancia da relación entre a universidade e o sector produtivo para aportar valor engadido que diferencie e posicione os produtos galegos. O reitor, pola súa banda, resaltou que a convivencia da universidade e do sector produtivo no mesmo espazo “xera cada vez máis oportunidades de colaboración”. Neste sentido, Abalde suliñou que Cinfo ten unha interacción “intensa” coa universidade, motivo de orgullo ademais ao desenvolverse a partir dunha patente universitaria.