CITIC

O investigador do CITIC da UDC Ricardo Cao é nomeado presidente do comité de expertos da iniciativa "Acción Matemática contra o Coronavirus”

23/03/2020

  • A iniciativa ten o obxectivo de axudar ao Goberno a atopar solucións ante a crise sanitaria orixinada polo Covid-19.

A Coruña, 23 de marzo de 2020.- O investigador do Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña, Ricardo Cao, acaba de ser nomeado polo Comité Español de Matemáticas (CEMat) presidente do comité de expertos da iniciativa “Acción Matemática contra o Coronavirus”, que ten o obxectivo de axudar ao Goberno de España a atopar solucións ante a crise sanitaria orixinada polo virus COVID-19, aportando conclusións e recomendacións dende o ámbito das matemáticas.

Así, este comité de expertos poñerá á disposición das autoridades a súa capacidade de análise e modelización para comprender o problema que está sufrindo a nosa sociedade co COVID-19. A partir dos datos facilitados polo Goberno sobre a evolución da pandemia, microdatos dos casos diagnosticados, recursos dispoñibles, ficheiros Big Data de mobilidade, etc., o comité elaborará a modelización matemática da pandemia para, a partir de aí, establecer previsións de evolución que permitirán a planificación óptima dos recursos.

Ricardo Cao é investigador da área de Ciencia e Enxeñaría de Datos do CITIC e membro do comité de dirección do centro, así como catedrático da área de Estatística e Investigación Operativa da UDC, editor de diferentes revistas científicas de prestixio internacional e membro de numerosas sociedades que traballan no ámbito da estatística e a investigación operativa.

O Comité Español de Matemáticas está formado polas sociedades científicas españolas no ámbito das Matemáticas: Real Sociedad Matemática Española (RSME), Societat Catalana de Matemàtiques (SCM), Sociedad Española de Matemática Aplicada (SEMA), Sociedad de Estadística e Investigación Operativa (SEIO), Sociedad Española de Investigación en Educación Matemática (SEIEM), Federación Española de Sociedades de Profesores de Matemáticas (FESPM) e Sociedad Española de Historia de las Ciencias y de las Técnicas (SEHCYT).

Sobre o CITIC

O CITIC é un Centro de Investigación de Galicia que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicado ás TIC. Impulsado pola Universidade da Coruña, no ano 2016 a Xunta de Galicia recoñece ao CITIC como Centro Singular de Investigación de Galicia 2016-2019 pola súa traxectoria científica. En 2019 renova esta acreditación e pasa a denominarse Centro de Investigación de Galicia. A actividade científica do CITIC estrutúrase en catro áreas de investigación principais: Intelixencia Artificial; Ciencia e Enxeñaría de Datos; Computación de Altas Prestacións e Servizos e Redes Intelixentes; e unha área de investigación transversal a todas elas, a de Ciberseguridade. Un dos obxectivos do CITIC pasa por poñer ao alcance da sociedade os resultados das súas investigacións, polo que no centro promóvense accións de ciencia cidadá e actividades divulgativas que potencien as vocacións científicas e garantan a renovación do talento no ámbito das TIC.