O investigador Richard Duro participará como plenary chair na IJCNN 2019 que se celebrará en Budapest
12/07/2019
O investigador do CITIC Richard Duro participará o próximo 17 xullo como plenary chair na International Joint Conference on Neural Networks 2019 ( IJCNN) que se celebrará no Hotel Intercontinental de Budapest (Hungría) do 14 ao 19 de xullo. A conferencia está organizada pola International Neural Network Society (INNS) en cooperación co IEEE Computational Intelligence Society e está considerada como unha das conferencias máis relevantes a nivel internacional no ámbito das redes neuronais e áreas relacionadas.
O traballo que presentará o investigador do CITIC ten como título Modulation Based Transfer Learning of Motivational Cues in Developmental Robotics e foi elaborado, ademais de por Richard Duro, por Alejandro Romero, Jose A. Becerra e Francisco Bellas, todos eles investigadores da UDC.
Como acción previa á celebración da IJCNN, a International Neural Network Society organiza a reunión anual do Board of Governors que se celebra en Esztergom (Hungría) o 12 de xullo e na que tamén participará Richard Duro. O Board of Governors está formado polas personalidades máis relevantes a nivel mundial no ámbito das redes neuronais procedentes de universidades de China, EE. UU., Italia, Reino Unido, Brasil, Alemaña, Corea e Xapón.