CITIC

O investigador Tirso Varela, relator no DCC 2019 en Utah

29/03/2019

O investigador do CITIC Tirso Varela foi o encargado de presentar o traballo “Dv2v: A Dynamic Variable-to-Variable Compressor” na 2019 Data Compression Conference (DCC 2019) celebrada en Snowbird, Utah (EE.UU.) do 26 ao 29 de marzo. O DCC está considerado como o congreso máis prestixioso a nivel mundial no ámbito da compresión de datos.

Acompañárono Adrián Gómez-Brandón e Antonio Fariña, investigadores do CITIC.

Os tres, xunto a Neves Brisaboa (CITIC-UDC) e Gonzalo Navarro Badino (Universidade de Chile) son os autores do traballo presentado, que foi realizado en colaboración coa Universidade de Chile e froito do proxecto BIRDS.

O proxecto BIRDS (Bioinformatics and Information Retrieval Data Structures Analysis and Design) está financiado pola acción Marie Sklodowska-Curie (RISE) de intercambio de persoal de investigación e innovación pertencente ao programa de financiamento de I+D da UE Horizonte 2020 (proxecto con referencia 690941). BIRDS xorde da necesidade de mellorar o procesamento de grandes volumes de datos existentes en diferentes campos de aplicación como a bioinformática e a recuperación de información. No proxecto, ademais da UDC, participan universidades de Finlandia, Xapón, Australia, Chile e Portugal.