CITIC

O proxecto "Xeometría Aplicada” realizado por investigadores do CITIC xa se pode visitar de novo no MUNCYT

03/07/2020

O proxecto “Xeometría Aplicada”, realizado polos investigadores do CITIC Paula Castro Castro, Adriana Dapena Janeiro e Francisco Vázquez Araújo, forma parte da exposición “Campus Vivo. Investigar na Universidade” do Museo Nacional de Ciencia y Tecnología – MUNCYT Coruña, que abriu de novo as súas portas o 1 de xullo.

A iniciativa “Xeometría Aplicada” propón unha serie de actividades orientadas ao público xeral para poñer de relevo a importancia da xeometría en enxeñaría e en arquitectura e, ao mesmo tempo, dar a coñecer algúns traballos do campo da xeometría aplicada realizados na UDC.

Ademais de investigadores do CITIC, tamén participan no proxecto os profesores da UDC Miguel Brozos Vázquez, María José Pereira Sáez, María José Souto Salorio e Ana D. Tarrío Tobar. Conta tamén coa colaboración da profesora da USC Ana Belén Rodríguez Raposo.

O obxectivo desta exposición, realizada por CRUE Universidades Españolas e o Museo Nacional de Ciencia y Tecnología, é trasladar á sociedade a importancia da investigación que se realiza nas institucións académicas de ensino superior para a mellora do desenvolvemento territorial e social e a calidade de vida dos cidadáns.