Investigadores do CITIC presentan os seus avances en computación cuántica aplicada na conferencia internacional AQMCSE 2026
Os investigadores do CITIC da Universidade da Coruña, Fernando Mondragón Sampedro e Álvaro Leitao Rodríguez, participaron esta semana na segunda edición da International Conference on Applied Quantum Methods in Computational Science and Engineering (AQMCSE 2026), un encontro internacional celebrado nos Países Baixos centrado nas aplicacións da computación cuántica á ciencia.
A conferencia reuniu a especialistas internacionais para presentar e debater novos métodos de computación cuántica e as súas aplicacións en diferentes eidos da ciencia e da enxeñaría, dende a aprendizaxe automática ata as finanzas computacionais.
No marco do encontro, o investigador Fernando Mondragón Sampedro presentou o póster Performance evaluation of Quantum Support Vector Machines under Realistic Noise and Mitigation. O traballo analiza o comportamento das máquinas de vectores de soporte cuánticas en condicións de ruído realista, así como o efecto das técnicas empregadas para mitigar os seus efectos. A investigación sitúase no ámbito da aprendizaxe automática cuántica, que explora o potencial das tecnoloxías cuánticas para desenvolver novos métodos de procesamento e análise de datos.
Pola súa banda, Álvaro Leitao Rodríguez realizou unha presentación oral na sesión adicada ás aplicacións financeiras, co traballo Quantum computing for multidimensional option pricing: End-to-end pipeline. A investigación aborda a aplicación da computación cuántica á valoración de opcións financeiras multidimensionais, propoñendo un proceso integral que abrangue as diferentes etapas necesarias para levar a cabo este tipo de cálculo mediante tecnoloxías cuánticas.
A participación de ambos investigadores do CITIC nesta conferencia internacional pon de relevo a actividade do centro no ámbito da computación cuántica aplicada, así como a diversidade áreas nas que se está explorando o potencial desta tecnoloxía. As contribucións presentadas abranguen dous campos diferenciados —a aprendizaxe automática e as finanzas— e reflicten o interese por trasladar os avances da computación cuántica a problemas computacionais concretos.
A AQMCSE 2026 constitúe un punto de encontro para investigadores e profesionais interesados no desenvolvemento e aplicación de métodos cuánticos a problemas científicos e de enxeñaría. A conferencia favorece así o intercambio de coñecemento entre diferentes áreas e a presentación de novas aproximacións para aproveitar as posibilidades que ofrece a computación cuántica.