CITIC

Enrico Motta falará no CITIC sobre IA neuro-simbólica aplicada á robótica, aos medios e á análise científica

06/10/2026 - CITIC

O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da UDC acollerá o vindeiro mércores 14 de outubro, ás 11:00 horas, a conferencia Engineering Neurosymbolic AI: Case Studies in Robotics, Media and Scholarly Analytics, impartida por Enrico Motta, profesor de Tecnoloxías do Coñecemento no Knowledge Media Institute de The Open University (Reino Unido). 

A actividade, promovida polo grupo de investigación LIDIA da UDC, abordará o potencial das arquitecturas de intelixencia artificial neuro-simbólica, un enfoque que combina as capacidades de aprendizaxe dos modelos de linguaxe de gran tamaño con técnicas de representación formal do coñecemento e razoamento. 

Ao longo da súa intervención, Enrico Motta presentará diferentes casos de estudo que ilustran como estas tecnoloxías poden contribuír a resolver problemas complexos en ámbitos como a robótica cognitiva, a análise científica e de medios de comunicación. 

No eido da robótica cognitiva, analizará como a integración de modelos de aprendizaxe profunda e LLM con módulos de razoamento de sentido común pode axudar aos robots a comprender mellor as contornas reais, así como a detectar situacións relevantes, como anomalías, riscos para a seguridade ou incumprimentos relacionados coa saúde e a seguridade. 

A conferencia tamén abordará as posibilidades da intelixencia artificial aplicada á análise da produción científica. Neste ámbito, os sistemas intelixentes poden contribuír a identificar e predicir tendencias na literatura académica e a proporcionar ferramentas de apoio á avaliación da investigación, dirixidas a diferentes perfís, entre eles persoal investigador, as editoriais e os organismos financiadores. 

Por último, o científico analizará o uso da intelixencia artificial para estudar o discurso político nos medios de comunicación, con especial atención a cuestións como os nesgos, o equilibrio e a imparcialidade na cobertura informativa. 

Enrico Motta é profesor de Tecnoloxías do Coñecemento no Knowledge Media Institute (KMi) de The Open University, onde dirixe o grupo de investigación Intelligent Systems and Data Science. Doutor en Intelixencia Artificial por The Open University e graduado en Ciencias da Computación pola Universidade de Pisa, a súa traxectoria investigadora abrangue ámbitos como a ciencia de datos, as tecnoloxías semánticas e da linguaxe, os sistemas intelixentes e a robótica, así como a interacción persoa-ordenador. A súa investigación actual inclúe o uso da intelixencia artificial na publicación académica, a robótica aplicada a contornos sanitarios e urbanos e a análise a grande escala de noticias e discurso mediático. 

Entrada ata completar aforo, pdes incribirte no seguinte formulario.