CITIC

Estudantes de Bacharelato do Colexio Peleteiro coñecen a vangarda da investigación e a IA da man do CITIC da UDC

17/04/2024 - CITIC

Alumnos e alumnas de 1.º e 2.º de Bacharelato do Colexio Manuel Peleteiro (Santiago de Compostela) tiveron a oportunidade de coñecer este mércores, 17 de abril, o labor do Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña, así como os “Avances e desafíos da Intelixencia artificial”.

O CITIC é un centro de investigación creado para achegar coñecemento científico e as súas capacidades á sociedade, recoñecido pola excelencia no coñecemento xerado no ámbito TIC e de transferencia tecnolóxica á sociedade, tal e como explicou o director do CITIC, Manuel Penedo, ao estudantado. O director tamén falou das áreas de investigación desenvolvidas no centro, así como dos principais proxectos activos, as infraestruturas singulares e do compromiso do CITIC coa sociedade a través do impulso de diversas iniciativas pioneiras como o programa Talentos Inclusivos.

Pola súa banda, a investigadora do CITIC, Verónica Bolón, impartiu a conferencia “Avances e desafíos da IA”, na que falou ao alumnado sobre como a Intelixencia artificial está a transformar a sociedade e tamén dos desafíos éticos e de responsabilidade aos que nos enfrontamos como a redución do impacto ambiental das aplicacións informáticas e o seu uso para atopar solucións sostibles. Verónica Bolón é, ademais, a coordinadora na Coruña do programa Inspira STEAM, que ten como obxectivo fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas entre os estudantes, especialmente entre as nenas.

Tras a conferencia, tivo lugar un pequeno coloquio, no que os alumnos puideron expor as súas dúbidas á investigadora do CITIC e tamén unha entrevista por parte do club de prensa do Colexio Peleteiro.