CITIC

Estudantes europeos de bacharelato visitan o CITIC no marco dunha acción formativa do proxecto AI+

27/05/2021 – CITIC

O CITIC recibiu esta mañá a visita dun grupo de estudantes de bacharelato de centros educativos de secundaria europeos que participan no proxecto AI+ Developing an Artificial Intelligence Curriculum adapted to European High School.

Os estudantes foron recibidos polo subdirector do CITIC, Javier Pereira, quen realizou unha breve presentación do centro e as súas principais liñas de investigación.

Posteriormente, o responsable da unidade de sistemas do CITIC, Alejandro Mosteiro, mostroulles o Centro de Procesamento de Datos (CPD) e explicoulles o seu funcionamento.

Para finalizar, os estudantes visitaron a sala Demostrador Tecnolóxico onde puideron coñecer de primeira man os proxectos desenvolvidos no centro nos ámbitos da robótica, as contornas virtuais e o posicionamento de obxectos en interiores, entre outros.

O proxecto europeo AI+ de innovación educativa está dirixido polo investigador do CITIC Fran Bellas e ten como obxectivo deseñar a futura materia de Intelixencia Artificial que se impartirá en institutos de toda Europa en próximos cursos. Realízase en colaboración con centros educativos de ensino secundario de Eslovenia, Italia, Finlandia, Lituania e España.

Esta visita enmárcase na segunda actividade formativa promovida polo proxecto AI+ desenvolvida ao longo de toda esta semana na que os estudantes dos centros educativos participaron de modo presencial e telemático con actividades formativas e de lecer co obxectivo de achegar a intelixencia artificial aos máis novos.