CITIC

Fátima Davite Aguiar imparte unha charla no programa “Das TIC ao ceo”

20/05/2021 – CITIC

A artista de Character FX (CFX) e profesora da UDC, Fátima Davite Aguiar, impartirá o vindeiro martes 25 de maio unha charla dentro do programa “Das TIC ao ceo”, impulsado polo CITIC e o Consello Social da UDC para fomentar vocacións científico-tecnolóxicas entre estudantes de secundaria e bacharelato. Fátima Davite ofrecerá unha conferencia online ao alumnado do IES Ortigueira, que estará moderada polo subdirector do CITIC, Javier Pereira.

Fátima Davite é Senior CFX Artist no estudo de animación Skydance Animation en Madrid, onde se encarga de crear os elementos dinámicos do personaxe. Actualmente está a traballar na película Luck, que se estreará en 2022. Anteriormente, traballou en Ilion Animation Studios e en Able&Baker. Algunhas das producións nas que participou son Blush, Wonder Park e Love, Death and Robots (The Dumps). Tamén é profesora na Facultade de Ciencias de Comunicación da UDC.

“Das TIC ao ceo” é un ciclo de conferencias no que diferentes profesionais de recoñecido prestixio dentro do sector do TIC, todos eles graduados pola UDC, achegarán a súa experiencia no desenvolvemento da súa carreira profesional a estudantes de secundaria e bacharelato, para así servir como referentes e fomentar o interese de cara a as disciplinas STEAM.