CITIC
Fran_bellas

Francisco Bellas é nomeado Embaixador STEM de IEEE 2021, programa promovido pola iniciativa TryEngineering

14/10/2021 – CITIC

O investigador do CITIC Francisco Bellas Bouza foi nomeado Embaixador STEM de IEEE 2021 para a rexión 8, programa promovido pola iniciativa TryEngineering de IEEE. Bellas foi un dos 46 embaixadores seleccionados, entre as 80 candidaturas presentadas en todo o mundo. No proceso de selección valorouse a traxectoria dos candidatos como promotores de vocacións STEM no estudantado preuniversitario.

Os embaixadores teñen a función de axudar a IEEE a empoderar e inspirar ás e os enxeñeiros do mañá, a través dos seus esforzos para brindar alcance STEM nas súas comunidades locais. Así, o obxectivo é promover este tipo de vocacións no estudantado preuniversitario, fomentando actividades de ensino a nivel nacional e internacional.

TryEngineering ten como obxectivo capacitar a educadores para fomentar a próxima xeración de innovadores tecnolóxicos, proporcionando a educadores e estudantes recursos, plans de leccións e actividades que inculcan e inspiran. TryEngineering é unha iniciativa de IEEE, a organización profesional técnica máis grande do mundo para o avance da tecnoloxía.