Inspira STEAM 2023-2024, coordinado pola investigadora do CITIC Verónica Bolón, comeza a procura de mentores
O programa educativo Inspira STEAM busca mentores e centros interesados en participar no proxecto. O prazo de inscrición remata o próximo domingo 15 de outubro e pódese realizar desde a propia intranet do programa.
Inspira STEAM é un programa promovido pola Universidade de Deusto e coordinado na Coruña pola investigadora do CITIC Verónica Bolón, que busca fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas entre os estudantes, especialmente entre as nenas.
Segundo Eustat – Confebask, en 4 anos o número de matrículas nas áreas STEAM diminuíu nun 16,6%, do cal só o 31% na Universidade e o 9% en FP son alumnas. A fenda de xénero nas STEAM é palpable, polo que os principais obxectivos do programa son amosar ós máis novos referentes de mulleres científicas e tecnólogas, poñer en valor o papel das mulleres nestas áreas ó longo da historia ou dar a coñecer os estereotipos para que non condicionen as decisións que os estudantes poidan tomar sobre a súa carreira profesional.
A misión das mentoras e mentores é ser un referente para os cativos e tentar que as mozas non descarten os estudos STEAM por descoñecer o tipo de traballo que poden realizar ou non crer nas súas capacidades para conseguilo.
Ser mentora ou mentor implica desenvolver 6 sesións de mentoring, dunha hora de duración, cun grupo de 8 a 15 estudantes de 6º de Primaria ou de 1º da ESO. Estas sesións impartiranse en horario lectivo durante o curso 2023/2024. Para impartir estas clases, as mentoras e mentores recibirán unha formación online de 5 horas na que se lles facilitará a información e os materiais necesarios para desenvolver os obradoiros.