Investigación en saúde de vangarda: o CITIC da UDC amosa o seu traballo ao Cluster Saúde de Galicia
- A iniciativa forma parte do programa de “Visitas UDC Conecta cos clústeres galegos”, que promove a transferencia de coñecemento entre a universidade e os clústeres da Comunidade.
- O centro TIC da Universidade da Coruña amosou as súas liñas de investigación en análise de datos biomédicos, intelixencia artificial e tecnoloxía médica, con ferramentas dixitais innovadoras para o sector sanitario.
A Coruña, 18 de marzo de 2026.- O CITIC recibiu este martes a visita do Cluster Saúde de Galicia, nunha xornada que puxo en valor o traballo científico e tecnolóxico do centro en proxectos de saúde. Esta actividade forma parte do ciclo “Visitas UDC Conecta cos clústeres galegos”, promovido pola Oficina de Transferencia de Coñecemento da Universidade da Coruña, que busca achegar ás empresas e entidades do ecosistema galego as capacidades de investigación e innovación da universidade.
Durante a xornada, o xerente do Cluster de Saúde, Iván Rarís, puido coñecer as principais liñas de investigación do CITIC, que van desde a análise avanzada de datos biomédicos e intelixencia artificial aplicada á saúde, ata desenvolvementos de tecnoloxía médica e ferramentas dixitais innovadoras para o sector sanitario. Javier Garrido, responsable de Transferencia e Innovación do CITIC xunto a un grupo de investigadores e investigadoras do centro, encargáronse de presentar estes proxectos, o que permite identificar posibles vías de colaboración entre o tecido empresarial e os grupos de investigación do centro, abrindo oportunidades para iniciativas conxuntas, transferencia tecnolóxica e desenvolvemento de solucións innovadoras que poidan ter un impacto directo na mellora da saúde e do benestar da sociedade.
A visita reafirmou o papel do CITIC como referente en Galicia en investigación e innovación en saúde, destacando non só a excelencia científica senón tamén a capacidade de trasladar os resultados da investigación á práctica, co obxectivo de contribuír ao desenvolvemento de solucións reais para o sector sanitario.
A xornada continuou coa visita ó CICA (Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía) da UDC, na que diversos grupos de investigación da área de biomedicina do centro presentaron as súas principais liñas de traballo, poñendo en valor o seu potencial para xerar solucións innovadoras no ámbito da saúde desde unha perspectiva One Health. A esta sesión sumouse tamén persoal investigador do CITENI (Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais) do Campus Industrial de Ferrol, así como doutros grupos non adscritos da UDC, reforzando a visión colaborativa e transversal da investigación na universidade.