CITIC
Leuven2018b

Investigadores do CITIC reciben o Premio SEIO – FBBVA 2021 á mellor contribución metodolóxica en Estatística

12/07/2021 – CITIC

O xurado dos premios Sociedad de Estadística e Investigación Operativa (SEIO) – Fundación BBVA 2021 concedeu o galardón á mellor contribución metodolóxica en Estatística a un artigo realizado polos investigadores do CITIC Ana López Cheda, Ricardo Cao Abad e María Amalia Jácome Pumar. No traballo tamén participou Ingrid Van Keilegom, catedrática de Estatística e Investigación Operativa da Katholieke Universiteit Leuven (Bélxica).

O artigo premiado, titulado “Nonparametric incidence estimation and bootstrap bandwidth selection in mixture cure models”, foi publicado na revista Computational Statistics & Data Analysis. Os métodos propostos no artigo resultan útiles para analizar os tempo de vida en situacións nas que o evento de interese (morte por unha determinada enfermidade) pode non darse por producirse a curación do paciente. Os métodos xeneralizan os métodos de estimación da análise de supervivencia en dous sentidos: permiten a existencia de curación entre os tempos de vida chamados censurados e contemplan a posible explicación no tempo de vida de variables relevantes no problema (factores de risco, características que inflúen no prognostico, etc.). No artigo estúdianse as propiedades teóricas dos métodos propostos, amosando o seu bo comportamento tanto desde un punto de vista teórico como mediante simulación con datos artificiais. Tamén se aplican a unha base de datos reais proporcionada polos doutores Sonia Pértega e Salvador Pita (xa falecido), pertencentes ao Instituto de Investigación Biomédica constituído pola UDC e o CHUAC.

Este artigo é un dos cinco traballos premiados na segunda edición duns premios que naceron co obxectivo de incentivar a persoal investigador español das disciplinas da Estatística e a Investigación Operativa, e a través deles impulsar a proxección destas dúas disciplinas ao conxunto da sociedade.

Lembrar, que na anterior edición resultou premiado na mesma modalidade un traballo realizado por Inés Barbeito e Javier Tarrío-Saavedra, ambos os investigadores do CITIC; Sonia Zaragoza, adxunta a Transferencia no Vicerreitorado de Política Científica, Investigación e Transferencia da UDC, e Salvador Naya, Vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia da UDC e investigador do CITIC.

Máis información