Investigadores do CITIC participan na presentación do proxecto europeo Quantum Iberia
Os investigadores do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da Universidade da Coruña Eduardo Mosqueira, subdirector do CITIC, Diego Andrade e Samuel Magaz, participaron o venres 29 na presentación oficial do proxecto europeo Quantum Iberia, unha iniciativa estratéxica de cooperación transfronteiriza que busca posicionar á península ibérica como referente no desenvolvemento e aplicación de tecnoloxías cuánticas e intelixencia artificial.
O proxecto, liderado pola Axencia Galega de Innovación, reúne 17 organismos de España e Portugal, entre universidades, centros tecnolóxicos, institucións públicas e entidades de innovación. Cun financiamento próximo aos 8,9 millóns de euros, Quantum Iberia foi seleccionado como operación estratéxica dentro do programa europeo POCTEP e ten como obxectivo reforzar as capacidades de investigación e innovación mediante o uso compartido de infraestruturas, recursos e coñecemento entre os territorios participantes.
A Universidade da Coruña forma parte deste consorcio internacional xunto coas outras dúas universidades galegas, o CESGA, FEUGA, Fujitsu e diversas institucións académicas e tecnolóxicas de Portugal, Extremadura, Castela e León e Andalucía. En conxunto, as entidades galegas concentran preto de 4,9 millóns de euros do orzamento total do proxecto, reflectindo o peso do ecosistema galego no ámbito das tecnoloxías profundas ou deep tech.
Quantum Iberia impulsará a investigación colaborativa, a transferencia tecnolóxica cara a empresas e administracións públicas e a formación de talento especializado en tecnoloxías cuánticas e intelixencia artificial. Así mesmo, contribuirá a fortalecer a cooperación científica entre España e Portugal en áreas consideradas estratéxicas para a transformación dixital e a competitividade europea.
A presentación do proxecto tivo lugar en Santiago de Compostela e contou coa participación de representantes institucionais da Comisión Europea, do Ministerio de Facenda, da Xunta de Galicia e das entidades socias, así como de membros da comunidade científica e tecnolóxica.