CITIC
Foto grupo_Study Week with Financial Industry

Investigadores internacionais congréganse no CITIC da UDC para solucionar retos financeiros

19/04/2022 – CITIC

  • A “Study Week with Financial Industry” ten lugar no CITIC durante esta semana.
  • A actividade está organizada no marco do Doutoramento Industrial Europeo ABC-EU-XVA.

O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña congrega esta semana a preto de trinta investigadores procedentes de Países Baixos, Bélxica, Italia e España para traballar conxuntamente na resolución de problemas propostos por empresas do sector financeiro. Estanse a dar cita na “Study Week with Financial Industry”, unha acción que se desenvolve no CITIC do 19 ao 22 de abril, organizada no marco do Doutoramento Industrial Europeo ABC-EU-XVA da convocatoria MSCA do Programa Marco Horizonte 2020.

O acto de apertura tivo lugar esta mañá, a cargo do vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia da Universidade da Coruña, Salvador Naya; o subdirector do CITIC da Universidade da Coruña, Javier Pereira; e o investigador do CITIC e organizador das xornadas, Carlos Vázquez Cendón. Salvador Naya indicou que “a UDC promove a colaboración con outras institucións no ámbito da investigación, polo que é unha honra, tamén como investigador do CITIC, que o centro acolla un evento destas características”. Pola súa banda, Javier Pereira destacou que “eventos deste tipo contribúen ao posicionamento internacional do CITIC”. Finalmente, Carlos Vázquez Cendón explicou o aspecto colaborativo do proxecto ABC-EU-XVA e, en concreto, desta actividade, na que “os grupos de traballo tratarán de resolver tres problemas propostos polas empresas do sector financeiro participantes”.

O Doutoramento Industrial Europeo ABC-EU-XVA en finanzas cuantitativas comezou a súa andaina en 2018. A UDC recibe unha contribución de máis de medio millón de euros por parte da Unión Europea pola súa participación no proxecto, no que colabora coas universidades de Bolonia, Delft e Libre de Bruxelas, o CWI de Ámsterdam e as institucións financeiras Banco Santander, Abanca, Belfius Bank, Rabobank e UnipolSai.