CITIC
Accesit

Marcos Ortega e Jorge Novo, galardoados cun accésit no SIREV 2021

20/07/2021 – CITIC

A comunicación Early Changes in Choriocapillaris Flow Voids as an Efficacy Biomarker of Photodynamic Therapy in Central Serous Chorioretinopathy, da que Marcos Ortega e Jorge Novo son coautores, foi galardoada cun accésit no VII International Congress of Research in Retina and Vision 2021 ( SIREV 2021), celebrado de forma virtual do 24 ao 26 de xuño de 2021. O galardón obtido pertence á categoría de “Premios Comunicacións Libres de Investigación Clínica” á que se presentaron máis de 100 comunicacións, resultando premiadas unicamente 5 delas.

O traballo enmárcase nunha colaboración co servizo de oftalmoloxía do Hospital Clínico San Carlos para utilizar técnicas avanzadas de intelixencia artificial na obtención de biomarcadores que axuden ao diagnóstico temperán e seguimento personalizado de patoloxías oculares en pacientes. Neste caso, a tecnoloxía desenvolvida obtén de maneira automatizada un biomarcador novo ( Flow Voids), recentemente establecido na literatura clínica máis prestixiosa, para avaliar cambios e realizar un seguimento preciso en pacientes sometidos a tratamento de terapia fotodinámica. Esta liña de traballo está coordinada por Marcos Ortega e atópase enmarcada na actividade investigadora desenvolvida no proxecto nacional Amadeus, do que Ortega é investigador principal, sobre desenvolvemento de tecnoloxías avanzadas para axuda ao diagnóstico de patoloxías oculares. Por parte do Hospital San Carlos está coordinado polos doutores José Ignacio Fernández-Vigo e Julián García Feijoó, este último ostenta o cargo de xefe do servizo de Oftalmoloxía do devandito hospital.