CITIC
XXIV CEA

Minia Manteiga participa no XXIV Congreso Estatal de Astronomía

18/10/2021 – CITIC

A investigadora do CITIC Minia Manteiga participou no XXIV Congreso Estatal de Astronomía (CEA), que se celebrou no Reitorado da Universidade da Coruña do 9 ao 12 de outubro. En concreto, Manteiga formou parte do comité científico do congreso e impartiu a conferencia “Gaia: unha nova visión da Vía Láctea en seis (ou máis) dimensións”, xunto coas investigadoras Ana Ulla, da Universidade de Vigo, e Ruth Carballo, da Universidade de Cantabria.

As tres astrofísicas forman parte dun grupo de investigación multidisciplinar da UDC que traballa no procesamento de datos astronómicos da misión Gaia. Gaia é un ambicioso proxecto da Axencia Espacial Europea que determinará posicións, movementos e propiedades físicas de mil millóns de estrelas da Vía Láctea, de obxectos do sistema solar e tamén obxectos extragalácticos.

O Congreso Estatal de Astronomía é o principal punto de encontro das asociacións astronómicas e afeccionados á astronomía en España. En cada congreso danse a coñecer as experiencias e os avances en astronomía, tanto no que se refire ás técnicas e procedementos de observación, como á educación e divulgación da astronomía e as ciencias do espazo. Os participantes son afeccionados e afeccionadas á astronomía, de forma que o congreso convértese nun espazo para compartir e estimular actividades e liñas de actuación.

Minia Manteiga, Pedro Duque y Ana Ulla.