CITIC

Nace XINE-IA, un proxecto galego que empregará IA para personalizar o tratamento da incontinencia urinaria feminina

28/07/2026 - CITIC
  • A iniciativa, presentada hoxe na Coruña, desenvolverá unha plataforma capaz de recomendar o tratamento máis axeitado para cada paciente a partir de datos clínicos, tecnoloxías avanzadas e a experiencia real das mulleres.
  • A Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta de Galicia cofinancia o proxecto a través do programa Nexos 2025.

A Coruña, 28 de xullo de 2026.- A intelixencia artificial ponse ao servizo do tratamento da incontinencia urinaria feminina con XINE-IA, un proxecto de investigación e innovación desenvolvido integramente en Galicia que foi presentado esta mañá na Coruña. A iniciativa, que conta coa colaboración do CITIC da Universidade da Coruña, permitirá axudar aos profesionais sanitarios a identificar o tratamento máis axeitado para cada paciente mediante a análise de datos clínicos e da experiencia das propias mulleres, avanzando cara a unha atención máis precisa e personalizada.

A incontinencia urinaria constitúe un dos problemas de saúde máis frecuentes entre as mulleres e ten un importante impacto físico, psicolóxico e social. Segundo a Enquisa de Saúde de España 2023 do Ministerio de Sanidade, máis de 2,5 millóns de persoas maiores de 15 anos declaran padecer incontinencia urinaria ou problemas de control da ouriña, sendo unha afección significativamente máis frecuente entre as mulleres e cuxa prevalencia aumenta coa idade.

En Galicia, un dos estudos epidemiolóxicos de referencia, publicado en Gaceta Sanitaria, conclúe que unha de cada tres persoas maiores de 64 anos presenta incontinencia urinaria, cunha prevalencia practicamente dobre nas mulleres con respecto aos homes.

Medicina personalizada

O proxecto XINE-IA desenvolverá unha plataforma intelixente que integrará a información clínica de cada paciente cos resultados obtidos mediante terapias manuais especializadas e tecnoloxías como a radiofrecuencia, a electromagnetoterapia ou o láser vaxinal. O obxectivo é proporcionar aos profesionais sanitarios unha ferramenta de apoio á decisión clínica que permita personalizar o tratamento segundo as características e a evolución de cada muller.

Un dos principais elementos innovadores do proxecto será a incorporación da experiencia real das pacientes durante o tratamento. A plataforma recollerá información sobre a evolución dos síntomas, a calidade de vida e a resposta percibida tras cada intervención, integrando estes datos coa evidencia científica e os resultados clínicos para mellorar progresivamente as recomendacións realizadas pola intelixencia artificial.

Ademais, sempre co consentimento expreso das pacientes e garantindo o pleno control sobre os seus datos persoais, a plataforma poderá incorporar información procedente de dispositivos de monitorización como pulseiras de actividade, reloxos intelixentes ou básculas conectadas, co fin de analizar hábitos e variables que poidan influír na evolución clínica.

Deste xeito, XINE-IA aposta por un modelo de medicina personalizada, preditiva e participativa, situando as pacientes no centro do proceso asistencial e convertendo a súa experiencia nunha fonte de coñecemento que contribuirá a optimizar as decisións terapéuticas.

O proxecto está coordinado pola Clínica Cobián, en consorcio coas empresas tecnolóxicas Aldaba e Try New Roads, e conta coa colaboración do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña. A iniciativa combina coñecemento clínico, intelixencia artificial e innovación tecnolóxica para desenvolver novas ferramentas de apoio á práctica asistencial e mellorar a atención ás mulleres con incontinencia urinaria.

XINE-IA está cofinanciado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta de Galicia, a través do programa Nexos 2025.