CITIC

Nova colaboración internacional do CITIC da UDC para explorar o seu potencial en IA aplicada á empresa

23/04/2026 - CITIC
  • A Cátedra INDITEX-UDC de IA en Algoritmos Verdes e o CITIC recibiron á Toronto Metropolitan University, unha das máis prestixiosas escolas de negocio do Canadá.
  • O CITIC expuxo as súas capacidades en IA aplicada ao ámbito das finanzas e da empresa, solucións tecnolóxicas, ciberseguridade e solucións dirixidas ao impacto social.

A Cátedra INDITEX UDC de IA en Algoritmos Verdes e o CITIC continúan ampliando a súa colaboración internacional, agora en Canadá, a través da visita ao centro de Ozgur Turetken, responsable de Investigación da Toronto Metropolitan University (TMU).

Alexia Díaz, da Área de Proxectos Internacionais do CITIC, e Xosé Manuel García, membro da Cátedra INDITEX-UDC, tiveron ocasión de expor o potencial e as capacidades do CITIC en IA aplicada ao ámbito das finanzas e da empresa, solucións tecnolóxicas, ciberseguridade, sustentabilidade e solucións dirixidas ao impacto social.

Durante o encontro exploráronse posibles vías de cooperación co centro canadense, especialmente no marco do programa Horizon Europe, do que Canadá é socio e que constitúe a principal fonte de financiamento da I+D+i na Unión Europea. Así mesmo, a complementariedade das liñas de investigación e obxectivos dos centros permitiu identificar puntos en común e avanzar en distintas oportunidades de colaboración orientadas a fortalecer a relación institucional e a cooperación bilateral entre ambas entidades.

Toronto Metropolitan University, referente en TIC

A Toronto Metropolitan University (TMU) é unha das máis prestixiosas escolas de negocio do Canadá, cunha clara orientación ás Tecnoloxías da Información e da Comunicación e cun importante número de investigadores e investigadoras que traballan na relación entre TIC e Economía e Empresa.

Conta cun Cybersecurity Research Lab, un Institute of Technology Management e un Inclusive Media and Design Centre (IMDC), con obxectivos, liñas e ámbitos similares ao programa do CITIC Talentos Inclusivos. Trátase, ademais, dunha School of Management que, como o CITIC, aposta pola multidisciplinariedade dos seus estudos e pola integración de profesionais de diferentes campos de coñecemento que contribúan a unha maior e máis efectiva investigación aplicada.