O CITIC achega a IA e as tecnoloxías inclusivas ao público en Cullerciencia 2026
O CITIC da Universidade da Coruña participou este sábado na oitava edición de Cullerciencia, a feira de divulgación científica celebrada no paseo marítimo de O Burgo (Culleredo), consolidada como unha das principais citas de ciencia aberta e participación cidadá de Galicia.
Ao longo da xornada, o CITIC presentou na súa carpa unha programación centrada no potencial da intelixencia artificial e das tecnoloxías inclusivas para mellorar a calidade de vida das persoas e fomentar unha sociedade máis accesible e igualitaria. As actividades, abertas ao público e dirixidas a persoas de todas as idades, permitiron achegar de forma práctica algunhas das liñas de investigación e desenvolvemento tecnolóxico impulsadas desde o centro.
Entre as actividades desenvolvidas destacou “IA contra o odio”, unha iniciativa presentada por David Otero Freijeiro e Paloma Piot que mostrou como as tecnoloxías de intelixencia artificial poden contribuír a detectar e combater discursos de odio en contornas dixitais.
Así mesmo, Irene Brage e Javier Pereira presentaron os retos do programa Talentos Inclusivos, entre eles o Licornio e o Taboleiro de emocións con pictogramas, desenvolvidos polo alumnado do IES Ramón Menéndez Pidal. Esta iniciativa, impulsada polo CITIC da UDC e ASPACE, co apoio da Xunta de Galicia, o Consello Social da UDC, Inditex e a FECYT, busca fomentar as vocacións STEM entre a mocidade e sensibilizar sobre a realidade da discapacidade mediante o traballo colaborativo na creación de solucións tecnolóxicas a retos reais formulados por persoas con parálise cerebral.
A aplicación da intelixencia artificial no ámbito da saúde tamén tivo protagonismo coa demostración dun cuestionario intelixente para a avaliación personalizada da saúde da muller, presentado por Jorge Rivadulla e Freddy Augusto Pérez.
No ámbito da accesibilidade, Jorge Rivadulla mostrou diferentes aplicacións da tecnoloxía NFC para facilitar actividades cotiás mediante o programa “Compra Conmigo”, mentres que Paula de Santos presentou unha Nintendo Switch adaptada, deseñada para favorecer a participación de persoas con diferentes capacidades en actividades de lecer e videoxogos a través de mandos e solucións accesibles.
Pola súa parte, Manuel Lagos achegou ao público unha experiencia de realidade virtual orientada a persoas maiores, baseada en exercicios de forza e estimulación cognitiva realizados mediante gafas de realidade virtual, permitindo aos asistentes coñecer novas ferramentas para promover o envellecemento activo e saudable.
Cullerciencia
Organizada polo Concello de Culleredo e o CEIP Ría do Burgo, Cullerciencia naceu como unha feira escolar de ciencia e converteuse nun evento de divulgación científica de referencia na comarca coruñesa e en Galicia. A edición de 2026 reuniu 34 postos de investigación e divulgación científica, coa participación de centros educativos, universidades, asociacións e entidades científicas. O seu obxectivo é achegar a ciencia á cidadanía a través de actividades prácticas, obradoiros e demostracións que fomentan o interese polo coñecemento entre persoas de todas as idades.
Coa súa participación en Cullerciencia 2026, o CITIC reafirma o seu compromiso coa transferencia de coñecemento e a divulgación científica, achegando á sociedade investigacións e desenvolvementos tecnolóxicos con impacto directo en ámbitos como a inclusión, a saúde, a educación e a intelixencia artificial.